Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inclúe a praia de Celeiro, en Viveiro, nos controis do programa de vixilancia sanitaria de zonas de baño

Estes controis teñen por obxecto recompilar datos para decidir a súa inclusión no censo oficial nas vindeiras tempadas

Lugo, 14 de febreiro de 2024. A Consellería de Sanidade vén de comunicar a inclusión da praia de Celeiro nos controis do Programa de vixilancia sanitaria de zonas de baño da Comunidade.

A Xunta notificou hoxe a resolución ao Concello de Viveiro, que solicitou a incorporación deste areal ao censo oficial de lugares de baño. Segundo recolle a comunicación, estes controis do programa de vixilancia sanitaria teñen por obxecto recompilar datos para decidir a súa inclusión no censo oficial nas vindeiras tempadas.

Cómpre lembrar que o Goberno galego requiriulle en varias ocasións ao Concello de Viveiro que tomara as medidas oportunas para mellorar a calidade da auga na praia de Celeiro e así volver ser incluída no Programa de vixilancia sanitaria de zonas de baño.

A situación da calidade de auga na ría de Viveiro parece ter mudado logo de que a Xunta veña de rematar as obras do saneamento de Celeiro, completando con elas a optimización do sistema de tratamento de augas na ría de Viveiro, que supuxeron un investimento de 8 millóns de euros por parte da administración autonómica.

Exit mobile version