Lugo, 22 de febreiro, 2024. Ningún Aro Sen Rede, un proxecto da UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution, xorde da idea de lograr sinerxías necesarias para prover a aqueles centros escolares que o necesiten de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sustentables.
Nesta iniciativa, activa desde o curso 2022-2023, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade. Con esta última visita ao CEIP Plurilingüe de Muimenta, complétanse as visitas a todos os centros educativos inscritos no programa da iniciativa “Ningún Aro Sen Rede”, sumando un total de 10.
Nesta ocasión, os/as 45 alumnos e alumnas de centro escolar tiveron a oportunidade de coñecer ao xogador profesional do Club de Baloncesto Breogán, Sergi Quintela. A actividade foi impartida polo Director da Fundación, Salvador Arco, a directora da UNED, Ana Traseira e a bióloga ambiental do centro, Paula Fernández. Durante o transcurso da actividade explicaron aos estudantes en que consiste o proxecto, desde o material do que están feitas as redes de Ecoballution até a importancia da reciclaxe do material escolar. Despois, deron paso á parte lúdica da visita, onde profesorado e estudantes puideron participar en competicións de baloncesto para conseguir distintos agasallos proporcionados polo club e a universidade.
Trátase dunha pequena acción que pretende ser exemplo de economía circular, fomentando e respectando algún dos principios e valores da Axenda 2030 da ONU. A partir de agora é o momento de que todos os colexios participantes no programa reciclen o maior número posible de material de escritura para gañar un dos premios da edición 2023/2024 do programa “Ningún Aro Sen Rede”.