A subdelegada do Goberno en Lugo fixo balance dos datos de Tráfico destacando a tendencia descendente dos sinistros con vítimasLugo, 14 de febreiro de 2024
Lugo, 14 de febreiro, 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou esta mañá dun descenso nos accidentes mortais da provincia no 2023, cunha baixada do 35% con respecto ao ano anterior. Deste xeito, recupérase a cifra de 2020 con 11 sinistros mortais, un ano marcado polas restricións de mobilidade.
Isabel Rodríguez remarcou así mesmo a tendencia descendente dos accidentes con vítimas, contabilizando 117 menos que no 2019. A saída da vía provocou este tipo de sinistros nun 48% dos casos, sendo o motivo principal dos accidentes. Nesta liña, a subdelegada fixo un chamamento público para tratar de “manter a tendencia á baixa na provincia, un compromiso que depende de todos”.
Rodríguez destacou un dato do balance anual de tráfico 2023, pois “por primeira vez desde hai moitos anos non se rexistrou ningún atropelo mortal nas estradas da provincia, o que motiva a seguir recomendando o uso do chaleco reflectante e pedindo a máxima precaución a condutores e peóns”. Despois de múltiples campañas de sensibilización neste eido, “o tempo demostra que as cifras poden mellorar se todos seguimos as normas e actuamos con precaución”.
No que atinxe ao tipo de vía, cómpre destacar que no 2023 todos os accidentes con falecidos ocorreron en estrada convencional, sendo os turismos os máis implicados con respecto a outros medios de desprazamento como motos ou camións, pois un 69% das vítimas mortais viaxaban en coche. En canto á idade, o 59% das persoas falecidas tiñan menos de 25 anos, e o 88% foron varóns.
A primeira causa dos sinistros mortais foi a distracción (45% en 2023, fronte ao 53% en 2022), seguida da velocidade excesiva ou inadecuada (27% en 2023 con respecto ao 18% en 2022).
No conxunto dos accidentes con vítimas, a distracción tamén figura como causa principal nun 32% dos casos, seguida da velocidade excesiva ou inadecuada (18%) e o cansancio ou sono (14%).