Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova depuradora de Foz, “exemplo do compromiso do Goberno de Rueda coas infraestruturas na Mariña fronte aos agravios do Goberno de Sánchez”

Ethel Vázquez acompañou a membros da candidatura popular nunha visita a varios puntos da comarca na que lembraron o investimento de 12 M€ na depuradora de Foz e os 15 M€ previstos para a mellora da LU-540

A Mariña, 13 de febreiro de 2024. Os candidatos do PP lucense ao Parlamento de Galicia reivindicaron que “foi un Goberno do Partido Popular con Alfonso Rueda á fronte o que impulsou as obras da nova depuradora de Foz que se iniciarán de forma inminente cun investimento de 12M€ e tamén será o que mellore a estrada da Gañidoira, a LU-540, cun investimento previsto de 15M€, dando resposta a unha demanda dos veciños e veciñas”.

Javier Arias, Alfonso Villares e José Manuel Balseiro defenderon xunto á titular de Infraestruturas e Mobilidade e candidata pola provincia da Coruña, Ethel Vázquez, que “seguiremos esixindo infraestruturas estatais á altura dos lucenses e demandando a execución da autovía da Mariña, a A-74, despois de cinco anos de Goberno de Sánchez, cinco anos perdidos, sen avances”.

Vázquez subliñou que “o Goberno do Partido Popular en Galicia é o único garante de seguir traballando polo rural, por ofrecer comunicacións máis seguras e competitivas e servizos de transporte que respondan ás necesidades da xente”, subliñaron os populares. De feito, os menores de 21 anos dispoñen de bus gratuíto igual que, dende o 1 de xaneiro, os maiores de 65 anos.

Durante a súa visita a varios puntos da Mariña -Foz, Viveiro, Burela e Mondoñedo-, os populares pediron o apoio para que despois do 18 de febreiro Galicia conte cun Goberno “estable, con experiencia e capacidade de xestión”, un Goberno do Partido Popular presidido por Alfonso Rueda, un Goberno “centrado nos cidadáns, que achega solucións e fai que Galicia funcione e siga avanzando no ámbito social e económico”.

Así, insistiron en que “hai que ir a votar e apoiar masivamente o modelo do Partido Popular fronte ao modelo do multipartito que pretende implantar en Galicia o modelo de Sánchez, o do barullo e as liortas, e impoñer o independentismo, o monolingüismo e a eliminación das provincias”.

Os populares condenaron que “o PSOE galego priorice a Sánchez antes que os intereses dos lucenses como demostran co seu silencio ante os incumprimentos e agravios á provincia”, especialmente en materia de infraestruturas: “as estradas nacionais están cheas de fochancas, a A-8 en mal estado e sen solucionar o problema da néboa, a A-6 cortada en Pedrafita, as autovías pendentes coma a A-74 esquecidas nun caixón, o AVE non chegará a Lugo e o FEVE en desmantelamento”. Así mesmo, lembraron que “o BNG tamén é responsable destas políticas lesivas polo seu apoio incondicional a Sánchez renunciando a defender os intereses dos galegos”.

NOVA DEPURADORA DE FOZ

Ethel Vázquez asegurou en Foz que “a tódolos partidos da oposición se lles enche a boca falando do saneamento integral das nosas rías, pero o único que se toma en serio os problemas de auga e saneamento é o Goberno do presidente Rueda”. E puxo como exemplo “o investimento de máis de 12 millóns de euros nas obras da nova rede de colectores da nova depuradora que se van iniciar de forma inminente”.

Xunto a membros da candidatura pola provincia de Lugo, lembrou que “poderían ter comezado moito antes” se o os gobernos do PSOE no Concello e no Estado “foran máis dilixentes”. De feito, “houbo que agardar 36 meses pola concesión dos permisos por parte de Costas do Estado, organismo dependente do Goberno de Sánchez que non entende nin atende ás peculiaridades da nosa orografía e das nosas rías. Foi o Goberno de Rueda o que axudou ao Concello na tramitación da concesións de Costas e o que achega o investimento para acabar coas deficiencias do sistema de saneamento de Foz, a pesar de ser unha competencia municipal e, polo tanto, responsabilidade do Concello”.

Exit mobile version