No polígono industrial das Somozas ten as súas instalacións a empresa SOGARISA, antiga entidade pública actualmente participada pola Xunta nun 10%. Dende 2017 xestiona xunto cunha UTE (UTE PMA-CONTECO / SOGARISA) o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galiza (CTRIG). Este centro procesa unha media de máis de 150.000 toneladas anuais de distintos tipos de residuos industriais, moitos deles tóxicos e perigosos: salgues metálicas, baños alcalinos, residuos acedos, crómicos, nítricos e cianurados, así como augas industriais, lixiviados de entulleiras, residuos líquidos orgánicos, residuos sólidos, pilas, baterías e fluorescentes.
No verán de 2022 SOGARISA foi noticia debido á contaminación provocada nos labores de inertización dos refugallos perigosos con CaO (óxido de calcio ou cal viva), o que provocou a emisión de nubes de vapor con compostos en suspensión que se estenderon polos arredores afectando a outras empresas do polígomo e e fincas veciñas. Malia a que segundo a Xunta a empresa tomou medidas para evitar novas fugas de nubes tóxicas, hai uns días voltaron a repetirse.
Presunto delicto contra os recursos naturais e o ambiente así como de prevaricación administrativa
ADEGA solicitou á Xunta coñecer os resultados dos controis realizados en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada de SOGARISA. A D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental denegou o acceso a esta información. En consecuencia, ADEGA denunciou na Fiscalía as irregularidades na actividade empresa relacionadas coa contaminación provocada polas nubes de CaO e a negativa de la Xunta a subministrar los datos analíticos de control da actividade.
O Ministerio Público considerou que os feitos denunciados poden constituir indiciariamente un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente (art. 325 e seguintes do Código Penal) por parte da empresa e outro de prevaricación administrativa (art. 404 dol CP) por parte da Xunta. Como a comisión dos supostos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente e de prevaricación administrativa conexo prodúcese no lugar da actividade industrial da UTE PMA-CONTECO (SOGARISA) na localidade de As Somozas, a Fiscalía delegada de medio ambiente acorda remitilo á Fiscalía de Área de Ferrol.
ADEGA agarda que a actuación da Fiscalía contribúa a rematar cos continuos episodios de contaminación neste polo de residuos industriais que poñen en risco a saúde ambiental e cidadá. Asemade, urxe depurar as responsabilidades dos cargos da Xunta cuxa inacción e permisividade convertíu As Somozas no “buraco negro” da xestión dos refugallos industriais en Galiza.