A Presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, fixo entrega do Premio Espírito Barista a Xoán González Riveiro, profesor xubilado do IES de Foz
O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, participou este xoves na entrega de premios do XVI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, no que o alumno do IES de Foz Javeir Carreño se alzou co primeiro premio. En total participaron 18 centros de Galicia, Asturias, País Vasco, Navarra, Castela e León, Cantabria, Madrid e Canarias, cun alumno por escola, tanto no Campionato de Baristas como no de Cata de Cafés, celebrado onte.
Esta xornada tamén se entregou o Premio Espírito Barista, que este ano foi para o profesor do IES de Foz Xoán González Riveiro, que vén de xubilarse. Recibiu este sentido recoñecemento de mans da Presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña e Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.
Como nun programa de televisión en directo
13 alumnos e alumnas de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, acompañados por un docente e por técnicos do Servizo de Audiovisuais, son os encargados da emisión en directo dos Campionatos. Están a empregar varias cámaras e todo o material preciso na realización dun programa de televisión en directo. Cada estudante rota por todos os postos, como os de realizador ou operador de cámara.
Ademais, son os responsables do son e dos rótulos, entre outras tarefas.
Mañá venres realizarán a emisión, a partir das 9:00 horas, do X Campionato Internacional de Baristas Profesionais, no que compiten 13 participantes procedentes de Galicia, Castela e León, Asturias, País Vasco, Andalucía e Canarias. As probas poden seguirse na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial.
Con estas retransmisións, a Deputación tamén contribúe a promocionar A Mariña e Foz fóra de Galicia, xa que este municipio mariñán é un punto de referencia para as Escolas de Hostalería e os baristas profesionais de toda España, e suscita moito interese entre este colectivo.
Premiados dos Campionatos de Escolas de Hostalería
Ademais do primeiro posto do XVI Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería, que foi para Javier Carreño, do IES DE Foz, entregouse o segundo premio a Ligia Seoane, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, e o terceiro, a Alberto Balayo, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña.
No XI Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalería celebrado o mércores, o primeiro premio foi para Melisa Touriñán, do CIFP Pase das Pontes da Coruña. En segudo lugar quedou Gonzalo Gómez, do CIPF Compostela, e e en terceira posición, Carmen Barra, do IES de Foz, anfitrión do encontro.