“Os destinos familiares e de natureza como Viveiro teñen cada vez máis demanda no sector turístico e o noso concello ofrece ademais un elevado patrimonio histórico e cultural”, asegura a alcaldesa, María Loureiro
“Cada ano notamos un maior interese por Viveiro, por iso é moi importante para o noso concello estar en Fitur”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
“Os destinos de natureza como Viveiro teñen cada vez máis demanda no sector turístico e o noso concello ofrece ademais aos visitantes un elevado patrimonio cultural e histórico, unha variada gastronomía, a Semana Santa e outros eventos xa consolidados ao longo do ano”, engade a alcaldesa.
Loureiro e o concelleiro Jesús Fernández representaron a Viveiro na feira, onde mantiveron reunións “con touroperadores turísticos moi interesados na oferta de natureza e para as familias que ofrece Viveiro”.
A alcaldesa participou ademais na reunión cos municipios participantes no proxecto “Spain Culinary Villages”, no que está incluído Viveiro. Este proxecto inclúe a varios municipios de España, pola calidade dos seus restaurantes e alimentos, co obxectivo de desenvolver o seu turismo gastronómico e sostible.
Hoxe pola mañá, o Concello de Viveiro mantivo unha reunión coa empresa I-Urban, que traballa no sector turístico e na intelixencia artificial.