As burelistas adiantáronse no primeiro tempo con goles de Dany e Emilly, pero tiveron que sufrir ata o final para sentenciar o encontro
Burela, 20 de xaneiro, 2024. O Pescados Rubén Burela asinou a vitoria nun novo derbi autonómico que serviu para despedir á Lenda Laranxa Jozi do club mariñao despois de case 15 tempadas e 24 títulos. As burelistas impuxéronse por 3-1 nun duelo moi competido diante do Ourense Ontime.
O cadro burelés adiantouse rápido no marcador nunha acción de contragolpe que conduciu pola á dereita Rafinha e concluíu polo outro costado, libre de marca, Dany. Tras o dominio inicial das locais, estirouse o cadro ourensán, que dispuxo da súa primeira gran ocasión no minuto 6, cando Jozi intervía ante un disparo de Candela e o rexeite enviábao Jenny Lores ao pau dereito da meta defendida pola gardameta brasileira.
A piques de superarse o ecuador do primeiro tempo, o Pescados Rubén Burela gozou dunha dobre oportunidade nos pés de Cami e a debutante Cris Blanco. En ambas ocasións despexaba a meta visitante Sara Soares. Posteriormente sería Emilly a que estivo a piques de subir o segundo para a escuadra mariñá cun lanzamento que se foi rozando o pau. Tamén interviría Jozi en dúas ocasións no minuto 14 para despexar a córner primeiro un tiro de Marta Figueiredo e un cabezazo da propia Marta á a saída dese saque desde a esquina.
Antes do descanso chegaba o 2-0 nun penalti cometido por Sara Moreno diante de Patricia, que non desaproveitou Emilly batendo a Sara Soares cun disparo potente polo centro e localizado arriba. A segundos do final do primeiro tempo volvía realizar Jozi unha parada nun disparo frouxo de Marta Figueiredo.
A segunda parte comezou sen ocasións para as dúas escadras ata que chegou o cambio de Jozi cando restaban pouco máis de 14 minutos para o final. Acto seguido, a visitante Vero regateaba a Cilene e batía con calidade a Caridad cunha fantástica vaselina. Noelia Montoro tiña o terceiro para as locais un minuto despois, pero non chegaba a un servizo de Emilly que a deixaba soa diante do marco visitante. O gol impulsou ás ourensás e estas tiveron o empate en senllas ocasións de Chiky e Clara Fernández nas que tivo que intervir Caridad.
O cadro burelés conseguiu sacudirse a presión e Dany, Cami e Cilene tiveron un tres para un que non souberon concluír favorablemente para os intereses das locais. A tres minutos do final, Raquel ‘Mondo’ apostaba por Zaide como porteira-xogadora. As mariñás defenderon moi ben o xogo de cinco e cando restaban 25 segundos para o bocinazo final, Noelia Montoro roubaba un balón e sentenciaba desde campo propio facendo o terceiro.
Trala conclusión do partido levou a cabo unha emotiva homenaxe a Jozi, que incluíu un vídeo de despedida. Posteriormente, a porteira de Chapecó dirixiuse a toda a afección burelesa, que asistiu ao momento posta en pé e ovacionando en varias ocasións a unha Guerreira Laranxa que se vai convertida nunha auténtica lenda do club.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 3-1 Ourense Ontime
Pescados Rubén Burela FS (3): Jozi; Cami, Rafinha, Emilly, Dany -quinteto inicial-, Noelia Montoro, Antía Pérez, Patricia, Cilene, Cris Blanco e Caridad (ps).
Ourense Ontime (1): Sara Soares; Marta Figueiredo, Jenny Lores, Zaide, Candela -quinteto inicial-, Sara Moreno, Clara Fernández, Chiky e Vero.
Goles: 1-0, min. 2: Dany. 2-0, min. 18: Emilly. 2-1, min. 27: Vero. 3-1, min. 40: Noelia Montoro.
Árbitros: Alfredo Castro e Álvaro Sobral (Colexio Galego). Amonestaron á porteira visitante Sara Soares.
Incidencias: Encontro da décimo séptima xornada da Primeira División Iberdrola FS disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 900 espectadores. Nos prolegómenos do partido, a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o presidente do Pescados Rubén Burela, Manuel Blanco, fixéronlle entrega a Jozi duns obsequios de recordo polo seu paso polo club burelés. Así mesmo, ao final do encontro recibiu unha calorosa homenaxe de toda a afección laranxa.