Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares en Burela: “O voto en contra do PSOE á rebaixa do IVE aos produtos do mar amosa claramente a súa falta de interese polo sector”

Villares, compañeiros da candidatura popular ás autonómicas e deputados e senadores lamentaron durante unha reunión na Confraría de Pescadores de Burela cos patróns maiores da Mariña “esta postura submisa ao Goberno de Sánchez por parte dos socialistas no Senado que prexudica gravemente ao sector”

Burela, 31 de xaneiro de 2024. Os populares condenan unha vez máis que “o PSOE se negara a que o Goberno de Sánchez rectifique a súa posición actual de excluír ao peixe, marisco e conservas da rebaixa do IVE que se aplica a outros produtos básicos”. De feito, os socialistas votaron en contra dunha moción que defendeu o PP na Comisión de Pesca do Senado.

Alfonso Villares, compañeiros da candidatura popular pola provincia ás eleccións autonómicas e representantes do PP lucense no Congreso e no Senado trasladaron a súa preocupación ante “a complicidade do PSOE coas decisións do Goberno que prexudican directamente ao sector do mar” durante unha reunión de traballo na confraría de pescadores de Burela cos patróns maiores da Mariña á que tamén asistiu o portavoz de Pesca no Senado, o ribeirense Manuel Ruiz.

Tendo en conta que o consumo de peixe caeu un 12% no último ano segundo os datos presentados por unha consultora no marco do XXIII Congreso AECOC de Produtos do Mar, dende o PP consideran necesario desenvolver campañas de promoción, como está a facer a Xunta (Galicia Sabe AMar ou Vai de peixe), para incentivar o consumo de produtos do mar ao mesmo tempo que se da a coñecer os beneficios do consumo de pescado na saúde e para o conxunto da economía. “Esta era outra das propostas do Partido Popular no Senado ante a que o PSOE votou en contra”, subliñan.

“Pero non nos debería estrañar porque mentres a Xunta se pon do lado do sector e apoia a campaña promovida polas confrarías galegas para invitar aos cidadáns que consuman mariscos e pescados de Galicia, tanto PSOE coma BNG por interese electoralista son capaces de difundir bulos que prexudican ao sector pesqueiro galego”, engaden.

A iniciativa presentada polos populares na Comisión de Pesca do Senado tamén recollía a posta en marcha de axudas á cadea mar-industria, para apoiar os esforzos de adaptación dos seus produtos ás demandas da cidadanía e ás novas necesidades do marcado favorecendo, deste modo, un sector máis competitivo “na mesma liña que os apoios que está a impulsar o Goberno galego”.

POLÍTICAS PREXUDICIAIS PARA GALICIA

Os populares cren que “sería unha mala nova que a política de submisión a Sánchez por parte tanto de socialistas como de nacionalistas se trasladara a Galicia” porque “prexudicaría gravemente a sectores estratéxicos para a nosa comarca, a nosa provincia e a nosa comunidade en xeral”.

Exit mobile version