Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha persoa foi excarcerada despois de saírse da vía o vehículo no que viaxaba en Mondoñedo

Mondoñedo, 4 de xaneiro, 2024. Unha persoa resultou ferida, e tivo que ser excarcerada, despois de saírse da vía o turismo no que viaxaba. O accidente tivo lugar na tarde de hoxe, na N-634, á altura do punto quilométrico 598, ao seu paso polo concello lucense de Mondoñedo.

Preto das dúas horas, un alertador chamou ao 112 Galicia para informar dun vehículo envorcado na parroquia de Sasdónigas. No seu relato, indicaba que unha persoa necesitaba axuda pois rematara atrapada no interior do turismo.

A partir de aí, os xestores do 112 alertaron axiña aos Bombeiros de Barreiros, que acudiron ao lugar do accidente e fixeron uso do material de excarceración para liberar á persoa implicada. Ata o punto tamén desprazáronse os axentes da Garda Civil de Tráfico, os efectivos de Protección Civil de Mondoñedo e o servizo de mantemento das estradas.

Unha vez rematadas as labores de excarceración, a persoa foi atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Exit mobile version