Os dous cómicos levan aos escenarios as historias e personaxes que naceron nas súas conversas a través de Instagram nun espectáculo no que a improvisación e a interacción co público teñen gran importancia
A Coruña, 29 de xaneiro de 2024. A Casa da Cultura de Burela recibe este sábado, 3 de febreiro, un dos espectáculos galegos máis exitosos dos últimos tempos. Xosé A. Touriñán e David Perdomo levan a súa ‘Corentena’ á Mariña logo de xirar por Galicia desde o mes de setembro. Os dous cómicos protagonizan este particular show que mestura improvisación e sketchs cos personaxes que crearon nas súas conversas a través da rede social Instagram.
No confinamento de 2020, Touriñán e Perdomo entraron nos corenta anos confinados na casa. Nesa dobre “corentena”, os dous cómicos comezaron a conversar en directo a través de Instagram compartindo historias e personaxes que ían inventando cada noite coa axuda do que tiñan pola casa e dos filtros da coñecida rede social. Estas conversas foron un éxito e o número de usuarios
conectados non paraba de crecer cada nova xornada. A xente interactuaba con eles, pedía que volveran certos personaxes… e sobre todo pasábao ben durante esa hora que Instagram fixa para este tipo de conversas.
Agora, os dous cómicos recuperan ese formato para levalo aos escenarios. Empregando máscaras, gorras e lentes, Touriñán e Perdomo traen de volta algúns daqueles personaxes e historias nun espectáculo no que a interacción co público e a improvisación xogan un papel fundamental. ‘Corentena’ xoga coas regras do directo e coas rutinas da improvisación, creando un espectáculo único cada noite no que o espazo e o público determinan en boa medida o que vai acontecer sobre o escenario.
David Perdomo e Xosé A. Touriñán pesentaron o formato en pequenas salas na primavera, con aforos de menos de 100 persoas en todos os casos e, no mes de agosto fixeron a primeira función para grandes auditorios no festival Castelo Conta, onde máis de 1.800 persoas gozaron con este novo espectáculo. ‘Corentena’ sae agora de xira por Galicia coa intención de pasalo ben, que é o que move a dinámica do show.
A xira que arrincou no mes de outubro en Pontevedra, está sendo un éxito coas entradas esgotadas en case que todas as funcións ata o de agora. En total, máis de 22.000 espectadores xa desfrutaron do show de David Perdomo e Xosé A. Touriñán. As entradas están á venda en corentena.gal e na páxina web de Ataquilla.