Tomé Roca felicitou aos gañadores e gañadoras que participaron nas distintas distancias e modalidades. Uns parabéns que trasladou ao resto de participantes, “porque en deportes de tanta esixencia, o feito de participar e esforzarse é tamén unha vitoria persoal”. Tamén tivo agradecementos o Presidente para os organizadores do Club Terras de Burón, o Alcalde e o seu equipo de goberno, “polo traballo para consolidar unha proba que en tan pouco tempo vai camiño de ser un referente no atletismo galego e nacional”.
“Esta competición, realmente espectacular no seu trazado, é unha fiestra aberta sobre a paisaxe da Fonsagrada. Unha forma moi atractiva de dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e monumental da nosa provincia. Os participantes percorren a ruta, e as fotos, os vídeos, as experiencias e as lembranzas da proba viaxan lonxe a través dos medios de comunicación e das redes sociais”.
O II Trail Terras de Burón, tamén coñecido como Trail de Inverno, contou cunha andaina e tres carreiras de montaña con distintas distancias: o trailiño, o Trail das Seimeiras, e a Maratón das Seimeiras. Nesta segunda edición, a proba deportiva duplicou practicamente o número de participantes con respecto ao ano pasado, que estivo en torno ás 350 persoas.