Acusan a Rueda de seguir un patrón de mentiras e manipulación ao estilo do “manual-Prestige” do PP
Lola Caramés, membro da promotora de Sumar Galicia, destacou as mentiras do Conselleiro do Mar, quen hai tan só dous días recoñecía, nunha carta aos alcaldes, a imposibilidade de recoller os pellets no mar, e agora, de maneira sorprendente, solicita ao Goberno do Estado que os recolla. “É unha mostra clara de que minten e improvisan sen ningún tipo de planificación ou coñecemento”, afirma Caramés.
Sumar Galicia pon de manifesto que se puxeron a traballar desde o primeiro minuto, solicitando colaboración europea e instando ás autoridades a asumir responsabilidades. “Onte mesmo lle esixiamos ao comisario europeo de Medio Ambiente, o señor Sinkevičius, unha resposta da Comisión e hoxe anunciaba a súa disposición a colaborar”, sinalou Piñeiro, engadindo que tamén instaron ao Conselleiro do Mar a “actuar e asumir a súa responsabilidade e non a estar a velas vir”. “Todo o noso peso institucional está ao servizo do pobo galego, que merece toda a complicidade para facerlle fronte á situación fronte ás mentiras e a incompetencia de Rueda e do goberno da Xunta”, afirmou Piñeiro.
“Non imos tolerar as mentiras e a incompetencia de Rueda e do seu goberno. Exiximos unha explicación inmediata e unha acción decidida fronte a esta crise ambiental”, esixe Caramés.
Para o partido liderado por Marta Lois, a xestión desta crise é “unha vergoña absoluta”. “O presidente debe asumir a súa responsabilidade e deixar de xogar co futuro de Galicia”, conclúen.