Acusan a Rueda de seguir un patrón de mentiras e manipulación ao estilo do “manual-Prestige” do PP
Compostela, 10 de xaneiro, 2024. Xosé Lois Piñeiro, biólogo, concelleiro de Medio Ambiente no goberno da Pobra do Caramiñal e membro da promotora de Sumar Galicia, denunciou esta mañá a incompetencia da Conselleira de Medio Ambiente, que recoñecía hoxe que só recentemente conseguiu o contacto do Secretario de Estado de Medio Ambiente, logo dun mes de inacción. Piñeiro subliña: “A xente dos concellos seguiremos a pé de praia esperando por un goberno da Xunta que nin está nin se espera.”
Lola Caramés, membro da promotora de Sumar Galicia, destacou as mentiras do Conselleiro do Mar, quen hai tan só dous días recoñecía, nunha carta aos alcaldes, a imposibilidade de recoller os pellets no mar, e agora, de maneira sorprendente, solicita ao Goberno do Estado que os recolla. “É unha mostra clara de que minten e improvisan sen ningún tipo de planificación ou coñecemento”, afirma Caramés.
Sumar Galicia pon de manifesto que se puxeron a traballar desde o primeiro minuto, solicitando colaboración europea e instando ás autoridades a asumir responsabilidades. “Onte mesmo lle esixiamos ao comisario europeo de Medio Ambiente, o señor Sinkevičius, unha resposta da Comisión e hoxe anunciaba a súa disposición a colaborar”, sinalou Piñeiro, engadindo que tamén instaron ao Conselleiro do Mar a “actuar e asumir a súa responsabilidade e non a estar a velas vir”. “Todo o noso peso institucional está ao servizo do pobo galego, que merece toda a complicidade para facerlle fronte á situación fronte ás mentiras e a incompetencia de Rueda e do goberno da Xunta”, afirmou Piñeiro.
“Non imos tolerar as mentiras e a incompetencia de Rueda e do seu goberno. Exiximos unha explicación inmediata e unha acción decidida fronte a esta crise ambiental”, esixe Caramés.
Para o partido liderado por Marta Lois, a xestión desta crise é “unha vergoña absoluta”. “O presidente debe asumir a súa responsabilidade e deixar de xogar co futuro de Galicia”, conclúen.