Denuncia “os bulos” sobre a calidade do peixe e marisco galego e asegura que o seu consumo é totalmente seguro
Ribadeo, 20 de xaneiro de 2024. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Executivo autonómico solicitou ao Goberno central que inicie o proceso para exixir responsabilidades por danos medioambientais no dominio público marítimo-terrestre a quen corresponda polo vertido de pellets que está a afectar ás costas galegas. “Onte mesmo nos diriximos ao Goberno central para que lle esixa responsabilidades a quen causou todo o que pasou”, explicou.
Durante unha visita a unha das foodtrucks da campaña Galicia sabe AMAR en Ribadeo, no que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Rueda salientou que a Xunta fixo esta solicitude por escrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en base a Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental en calidade de parte interesada.
O presidente lembrou que é o Goberno estatal quen ten as competencias para actuar fronte a un episodio de contaminación mariña e polo tanto o que ten que avaliar os posibles danos medioambientais do vertido e a responsabilidade dos custes que agora mesmo están a sufragar as administracións.
Logo de asegurar que o Goberno galego “como parte implicada, como parte que está poñendo medios para a limpeza” para deixar as praias libres de pellets e doutros plásticos, Rueda salientou que é o momento de “exixir responsabilidades”. “Había que seguir intentando, como fan os medios da Xunta, buscar os sacos no mar e desde logo tamén hai que reaccionar e pedir responsabilidades por todos os custes e todo o dano que se produciu”, manifestou.
Defensa dos produtos do mar galegos
Rueda quixo enxalzar e defender unha vez máis a excelencia dos produtos do mar galegos e lamentou os “bulos” que se verteron nos últimos días sobre a súa calidade. “Danouse unha imaxe que era impecable e que o ten que seguir sendo, e polo tanto hoxe estamos aquí para reiterar que Galicia sabe a mar, que ten uns produtos pesqueiros de primeirísima calidade e que o seguen sendo sen ningunha dúbida”, asegurou.