Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ribadeo (ou outra cousa), na Wikipedia”, por Antonio Gregorio Montes

Hoxe, 15 de xaneiro, cúmprense 23 anos do lanzamento e primeira edición da Wikipedia, e da web Creative Commons, polo que é o día da Wikipedia e do Dominio Público.

A Wikipedia comezou o seu camiño só en inglés, e houbo que esperar un par de anos a que se iniciara en galego, e un pouquiño máis a que aparecera o primeiro editor galego da Galipedia, alcumado Agremon, quen está a escribir isto.

Despois de tantos anos, tense amosado non só como a enciclopedia máis extensa xamais feita (mesmo a Galipedia, en relación ás enciclopedias en galego), senón asemade a máis precisa, superando por exemplo á Britannica. O seu ser colaborativo, comuneiro, ten sido usado para desprestixiala: ‘se calquera pode editar, pódese ver nela idioteces ou maldadades’. Mais o esprito do común tense sobreposto ata facer dela o que é na actualidade: un referente.

Como exemplo, collamos tres palabras: Galicia, Ribadeo, Vilalba.

En canto a Galicia, nestes momentos a voz aparece 138 linguas diferentes. Na Galipedia, a edición en galego, creouse a voz o 1 de febreiro de 2004, sendo editada dende aquela 1815 veces, a más das edicións da páxina de conversa (accesoria á principal). En castelán foi creada na madrugada do 4 de decembro de 2002, e dende aquela, foi editada 6643 veces. En inglés, foi creada o 8 de maio de 2004 e dende aquela leva 319 edicións.

En canto a Ribadeo, na versión da Galipedia, leva 723 edicións dende o 23 de agosto de 2003, e 141 visitas nos últimos 30 días, 581 edicións dende o 28 de agosto de 2004, e 2793 visitas nos últimos 30 días, na Wikipedia en castelán, e na inglesa, 107 dende o 1 de setembro de 2007, sendo vista nesta edición 314 veces nos últimos 30 días. En total, aparece en 42 versións, 42 linguas diferentes.

A outra entrada escollida, Vilalba, aparece en 39 linguas. Na Galipedia, editada en 307 ocasións dende o 6 de novembro de 2004, na edición en castelán como Villalba (Lugo), 711 veces dende o 11 de xullo de 2005, e en inglés, de novo como Vilalba, 125 edicións dende o 13 de xullo de 2006, sendo visitada nesta versión 369 veces nos últimos 30 días.

Os apuntamentos son só uns poucos dos datos que se poden obter de cada artigo nunha Wikipedia, pois gárdase un historial de cada unha das edicións: o que se fixo nela, cantos bytes variou o seu tamaño, quen/dende que i.p. se fixo, etc. É dicir, pódese ir ver como estaba a voz ‘mar’ a finais de abril do 2023, ou ver a primeira edición que se fixo de ‘electrón’, aló por febreiro de 2004.

Cumpríronse 23 anos, colaborando e mellorando. O próximo, serán 24 anos de colaboración e mellora…

Exit mobile version