Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo demándalle ao goberno central o acendido das rotondas de acceso á vila e a baixada dos prezos do solo do polígono industrial

O alcalde, aproveitou a celebración da xunta local de seguridade, para trasladarlle estas e outras reivindicacións á subdelegada, Isabel Rodríguez

Ribadeo, 17 de xaneiro de 2024. Ribadeo demándalle ao Goberno central o acendido das rotondas da Vilavella e de Piñeira, a baixada dos prezos do solo do polígono industrial e o segundo acceso desde A-8, entre outras cuestións. O alcalde, Daniel Vega, así llo trasladou á subdelegada, Isabel Rodríguez, aproveitando a celebración da xunta local de seguridade.

O rexedor dixo que “Ribadeo traballa, reforza, coordina e así mellora a seguridade en todo o municipio. Nosoutros solicitamos á Subdelegación do Goberno a celebración desta mesa de seguridade, agradecemos que aceptaran e a partires de aí vaise marcar unha ruta de traballo, un guión, unha estratexia a seguir”.

Vega declarou: “en primeiro lugar hai que felicitar, hai moito traballo constante no día a día por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, tanto por parte da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e tamén a Policía Local. Nosoutros estamos agradecidos e tamén queremos que se siga traballando baixo esa coordinación estrita, rigorosa, algo importante para que o noso municipio sexa un concello seguro e trasladar esa seguridade a todos os veciños e visitantes como un gran concello turístico”.

O alcalde explicou que “nosoutros tamén lle trasladamos á subdelegada do Goberno varias cuestións que entendemos que son importantes para Ribadeo. Deixando a parte a xunta local de seguridade, tamén reclamamos que faga chegar as nosas peticións ao Goberno central. O segundo acceso da A-8 a Ribadeo é importantísimo, levámolo reclamando por activa e por pasiva e parece que o Goberno non escoita. Estamos pendentes dunha resposta do ministro de Fomento ao que lle fixemos chegar esta reivindicación por escrito ao igual que tamén lle trasladamos a necesidade dese acceso á variante desde a estrada de Vilela e así eliminar todo ese tráfico pesado dos Garitos”. Daniel Vega subliñou que “tamén cremos moi importante que se baixe dunha vez por todas, e aquí hai que falar moito menos e facer moito máis, o prezo do solo do polígono industrial. Tivemos unha primeira conversa co director xeral, pareceunos que vai haber boa sintonía, ganas de facer cousas, pero esperamos que por parte do Goberno se actúe. Nós por parte do Concello podemos facer moi pouco, creo que si estar nesa reivindicación e naquilo que afecte ao Concello como poden ser os impostos municipais. Imos traballar para rebaixar eses impostos, como dixemos no noso programa electoral. Así o imos facer e así o imos cumprir”.

O alcalde cre que “o Goberno ten que dar unha resposta moi importante ás entradas a Ribadeo. Non podemos seguir con esas dúas rotondas de entrada a Ribadeo apagadas. Parécenos unha falta de respecto, unha inxustiza e desde logo nós xa o dicimos alto e claro se non as acende o Goberno o Concello tramitará todos os permisos e traballará para poder facerse cargo desa luz e iluminar as dúas rotondas, da Vilavella e de Piñeira-Vilar”.

O rexedor considera que “son reivindicacións moi importantes e serias polas que levamos moito tempo agardando. Non podemos seguir nesa liña de desleixo. Parece que non importan estas peticións que non fai este goberno municipal soamente, senón que xa o fixeron outros gobernos no pasado e parece que tampouco lles fixeron caso e iso é unha falta de respecto á institución municipal. Esperemos que por parte do Goberno central haxa unha sintonía, haxa un acordo constante co Concello de Ribadeo”.

A de Ribadeo foi a primeira xunta local de seguridade que se celebra neste 2024 na provincia de Lugo.

Exit mobile version