Ribadeo, 30 de xaneiro de 2024. Ribadeo aposta por acoller importantes torneos nacionais e internacionais de baloncesto. No Concello tivo unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio César Bernárdez. O obxectivo é que Ribadeo acolla importantes torneos ao longo dos vindeiros anos.
No encontro participaron o alcalde, Daniel Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, así como o técnico municipal de Deportes, Iván López, e o presidente do CB Ría de Ribadeo, José Ramón Vázquez.
Silvent contou que “o que quixemos con este encontro foi trazar unha dinámica de traballo que nos permita traer a Ribadeo importantes torneos nacionais e internacionais de baloncesto. Xa o ano pasado recibimos aquí ao Breogán, en Ribadeo celebrouse tamén I Trofeo Triangular Illa Pancha de baloncesto feminino e nesta liña queremos seguir”.
O edil de Deportes indicou: “en Ribadeo respírase baloncesto e queremos acoller máis eventos deste deporte, que ademais contribúen tamén á promoción turística do noso concello e á dinamización dos hoteis e da hostalería”.
E engadiu: “agradecémoslle a Julio César Bernárdez a súa visita a Ribadeo e a súa disposición a colaborar”.