Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematadas as obras do saneamento de Celeiro que completan a mellora do sistema de tratamento de augas na ría de Viveiro

As obras completan as actuacións xa executadas de mellora e a ampliación da depuradora, que permitiron incrementar nun 50% a súa capacidade, tratando as augas de Viveiro e asumindo tamén as de Celeiro

Viveiro, 10 de xaneiro de 2024. A Xunta vén de rematar as obras do saneamento de Celeiro, completando con elas a optimización do sistema de tratamento de augas na ría de Viveiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá no acto de entrega ao Concello de Viveiro destas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de case 4 M€.

O núcleo de Celeiro tiña unha rede de saneamento municipal unitaria na que se mesturaban as augas residuais domésticas coas industriais e as pluviais e eran vertidas á ría sen pasar pola depuradora, recibindo só un pretratamento.

Para incorporar as augas residuais de Celeiro ao tratamento completo na depuradora, construíronse un conxunto de infraestruturas para recoller as augas residuais de Celeiro e xestionalas axeitadamente ata conducilas á depuradora para o seu tratamento. En concreto, executouse a mellora do bombeo do Rego, cun novo desbaste previo; e un novo depósito de retención e nova impulsión de Celeiro ata a depuradora de Viveiro.

Ademais, construíuse unha nova condución de vertido submarina da depuradora, con 850 metros de lonxitude.

Estas obras complementan as actuacións xa executadas de mellora e ampliación da depuradora, que permitiron optimizar a planta e incrementar nun 50% a súa capacidade, de forma que, ademais de tratar as augas de Viveiro, pode asumir tamén a depuración das procedentes do núcleo de Celeiro.

As actuacións de saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro foron cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

Exit mobile version