Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicadas as bases para a contratación de sete profesores para a Escola Municipal de Música de Burela

“Dende a área de Educación do Concello de Burela temos un proxecto novo e de futuro para a Escola de Música, cun enfoque centrado nas agrupacións e na multidisciplinaridade”, explica Mario Pillado, tenente de alcaldesa

Burela, 19 de xaneiro de 2024. O Concello de Burela fixo públicas as bases reguladoras do proceso de selección para a cobertura temporal de sete postos de profesor/a da Escola Municipal de Música.

En concreto, as prazas son para un profesor/a de jazz; un profesor/a de música moderna; un profesor/a de coro; un profesor/a de cámara para corda fretada; un profesor/a de acompañamento de piano; un profesor/a de agrupación de metáis, e un profesor/a de percusión asociado a banda e orquestra.

“Dende a área de Educación do Concello de Burela temos un proxecto novo e de futuro para a Escola de Música, cun enfoque centrado nas agrupacións e na multidisciplinaridade”, explica Mario Pillado, tenente de alcaldesa.

“Pensamos que é a forma de sacar adiante o servizo, despois de consultar os problemas da Escola coa comunidade educativa, tanto cos usuarios, como cos profesionais e dirección da propia Escola. Sabemos que o funcionamento da mesma pode ser mellor e sobre todo que a Escola ten que ser un referente non so musical senón tamén cultural e social na vila, unha entidade con prestixio; por iso cremos que esta nova formulación é a mais apropiada para iso”, engade.

En palabras de Pillado, “queremos que esta situación sirva como impulso para a mellora continua do servizo e é no que levamos traballando dende que entramos no cargo, sendo conscientes de que avanzamos lentamente pero de forma segura”.

Máis información das bases do proceso no taboleiro de anuncios do concello: https://burela.sedelectronica.es/board

Exit mobile version