Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación de ‘Advertencias para un traxecto boreal’ de Natalia Alonso Ramos, obra gañadora do certame de poesía Filomena Dato, na libraría Bahía de Foz

O acto desenvolverase o venres 26 de xaneiro na Libraría Bahía de Foz ás 20.30 horas

Foz, 20 de xaneiro de 2024. A escritora e xornalista Natalia Alonso Ramos (Foz, 1983) presentará o vindeiro venres 26 de xaneiro, ás 20.30 horas, na Libraría Bahía de Foz o seu segundo libro ‘Advertencias para un traxecto boreal’ co que obtivo o premio de poesía Filomena Dato en 2022 e que acaba de publicar baixo o selo editorial ‘Apiario’. A autora estará acompañada pola editora e escritora Dores Tembrás.

Natalia Alonso Ramos resultou gañadora da terceira edición deste certame que outorga o Concello de Bergondo co poemario ‘Advertencias para un traxecto boreal’. O xurado valorou do texto “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes de grande potencia poética e cheas de contido, a tenrura e a perspicacia”. O xurado estivo composto por Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Elvira Ribeiro Tobío, Tamara Andrés Padín e Dores Tembrás como vogais.

Natalia Alonso Ramos (Vilaronte-Foz) exerce como xornalista no gabinete de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria profesional en 2004, como redactora na delegación de Antena 3 Televisión en Galicia. En 2008, trasládase a Madrid para continuar traballando nos servizos informativos desta canle. Ten exercido como redactora, articulista e xefa de sección no desaparecido Xornal de Galicia, e ten sido articulista na publicación dixital Vieiros.
Desde 2010 estivo vencellada como investigadora á USC a través de diferentes proxectos de investigación. Impartiu a materia ‘Estrutura do Sistema Cultural de Galicia’ no Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da Facultade de Humanidades en Lugo. En 2011, gañou o primeiro premio do ‘VIII Certame Literario do Concello de Ames’. ‘A síndrome de Hayworth’, galardoado co Premio O Facho 2019 e editado por Medulia, foi o seu primeiro libro individual de poesía. En 2022, obtivo o segundo premio na edición XXXI do certame de narracións breves ‘Manuel Murguía’ que outorga o Concello de Arteixo.

O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega.

Exit mobile version