Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón recrimina ao PP que repita na crise dos pellets a “marea de mentiras, manipulación e incompetencia” do Prestige

Urxe a Xunta e Goberno estatal a deixar as súas liortas e actuar dunha vez por todas coordinadamente para limpar a marea plástica da costa galega

Santiago de Compostela, 8 xaneiro 2023. A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, recriminou ao PP e ao seu candidato e presidente en funcións, Alfonso Rueda, que ante a marea de pellets que inunda a costa galega e, na vez de ofrecer solucións, estea repetindo a “marea de mentiras, manipulación e incompetencia” que xa utilizou na catástrofe do Prestige.

Na presentación nas Pontes da proposta de goberno do BNG en materia enerxética, Pontón criticou ao Executivo de Rueda que volva utilizar o mesmo modus operandi que durante o caso do Prestige, primeiro ocultando a marea de plástico e sen actuar nin poñer medios e, agora, intentando manipular a situación a través dos medios públicos.

“Están demostrando unha vez máis a súa incompetencia para poñerse á fronte e liderar unha resposta ante un problema medioambiental tan grave como o que estamos vivindo”, afondou para referirse á “marea de indignación” que se está a incrementar no País non só pola marea de plástico que se estende polo litoral galego senón tamén pola “marea de mentiras e manipulacións que volve poñer en marcha o PP”.

A líder nacionalista dixo compartir a indignación dos galegos e as galegas ante unha situación que non se limita só ás Rías Baixas, senón que xa chega ás praias da Coruña, Ferrol e da Mariña lucense e fronte á que o Executivo de Rueda non é quen de ofrecer “unha resposta transparente, acorde co problema”.

Pontón reprochou tanto á Xunta como ao Goberno estatal que permanezan instalados no seu habitual pim-pam-pum “absolutamente inútil” para os galegos e as galegas. “Dende o BNG reclamámoslles que se poñan a traballar para que haxa os medios e os recursos necesarios para solucionar este problema”, urxiu para subliñar a continuación que “xa está ben de ver como, ante catástrofes destas características, os gobernos non estean á altura”.

Ante a gravidade da situación, a líder nacionalista volveu pedir a comparecencia de Rueda no Parlamento galego para dar explicacións sobre a crise e a súa xestión e insistiu en reclamar ao presidente en funcións “unha resposta á altura da cidadanía deste País”.

Pontón trasladou toda a solidariedade e recoñecemento do BNG aos concellos afectados “que están traballando sós”, ao sector pesqueiro e aos veciños e veciñas que están indo ás praias galegas a recoller os pellets plásticos ante a inacción de Xunta e Goberno estatal.

“Galiza merece unha presidenta e un goberno que non lle minta e que se poña á fronte cando hai problemas”, concluíu para amosar o seu convencemento de que o próximo 18F “imos derrotar nas urnas a esta marea de incompetencias e de mentiras e imos dar de novo unha lección de dignidade ante o mundo”.

Responsabilidades políticas tanto na Xunta como no Goberno estatal

Previamente, a candidata do BNG manifestábase nesta mesma liña nunha entrevista no espazo radiofónico Las Mañanas de RNE, na que amosou o seu orgullo pola resposta cidadá ante un vertido que ameaza de novo a costa galega e avanzou que hoxe mesmo a formación nacionalista rexistrou a solicitude de comparecencia urxente do presidente en funcións no Parlamento galego para dar explicacións sobre a xestión desta crise.

“Sabemos que dende o 13 de decembro, a Xunta, pero tamén o Goberno central, eran conscientes de que había este vertido e non fixeron absolutamente nada, deixando sós aos concellos sen medios”, reprochou para recalcar a continuación que o Executivo do PP está a repetir “o protocolo do Prestige: a ocultación, a incompetencia e a mentira, deixando soa á cidadanía galega”.

Por iso, Pontón sinalou como prioridade a dotación de medios e recursos por parte tanto de Xunta como de Goberno estatal para limpar as praias galegas, pero tamén considerou preciso depurar responsabilidades políticas en ámbolos dous casos ante un suceso coñecido dende hai case un mes.

Exit mobile version