Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón reclama a intervención pública de Alcoa para evitar que miles de empregos dependan das chantaxes dunha multinacional

“Por que esta medida se pode tomar con Telefónica e non con Alcoa?”, cuestiona, logo de advertir que é a propia empresa a que xa avanza dificultades a longo prazo

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro, 2024. A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, afirmou en Santiago que “é o momento” de que tanto Xunta como Goberno central “dean un paso adiante” e aposten por unha intervención pública en Alcoa “que permita evitar que o futuro de miles de postos de traballo no noso País dependan das chantaxes dunha multinacional”.

Logo dun acto sobre saúde mental celebrado en Compostela e a preguntas dos medios sobre o anuncio do reinicio das cubas na factoría de San Cibrao, Pontón asegurou que o que precisa Galiza “son feitos e non palabras” e advertiu que na misiva que a propia empresa lle remite aos traballadores e traballadoras “segue falando de que hai dificultades a longo prazo”.

A líder nacionalista recordou que levamos vendo nestes últimos anos como Alcoa “está tomando decisións que poñen en risco o futuro e a viabilidade” da factoría e, neste sentido, incidiu en que o futuro das e dos traballadores da Mariña e da única fábrica de aluminio primario do País “non pode estar en mans dunha multinacional que vemos que non lle importa xogar co emprego”.

Nesta conxuntura, considerou que este é o momento de “tomar decisións transcendentes” para garantir a viabilidade da empresa. “Nós dixémolo xa hai moito tempo e todo o que vai pasando o confirma”, polo que apelou unha vez máis a Xunta e Goberno estatal para activar a intervención pública.

“Esta é unha medida legal que se pode tomar e o que non entendemos é porque se pode facer con Telefónica e non con Alcoa”, cuestionou para concluír que “o primeiro ten que ser o emprego” e apelar aos Executivos galego e centra a “actuar con responsabilidade”.

Exit mobile version