Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco pon A Fonsagrada como exemplo da importancia dos proxectos innovadores para dinamizar o rural galego

O Goberno está a completar a extensión da banda ancha no concello, o que permitirá a 3.120 familias e empresas que ata o de agora non contaban con este servizo dispor de Internet de alta velocidade

A Fonsagrada, 4 de xaneiro de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello da Fonsagrada, onde mantivo un encontro co alcalde da localidade, Carlos López, con quen repasou os distintos proxectos no municipio, entre os que destacou a posta en marcha do Museo Antonio Fraguas “Forges”, que suporá un revulsivo para o turismo e a economía da Montaña Lucense.

O museo, o primeiro en toda España dedicado en exclusiva ao gran debuxante, ocupará a antiga Casa do Concello, que está a ser obxecto de rehabilitación con cargo ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de Entidades Locais (Pirep) e que tamén acollerá a nova oficina de turismo, un salón de actos e diferentes espazos para usos municipais.

No transcurso da xuntanza, o delegado supervisou outros proxectos que se están a desenvolver no concello, como o plan para completar a extensión da banda ancha no marco do Programa UNICO do Goberno, que vai permitir levar a conexión de Internet de altas prestacións a 3.120 familias e empresas que ata o de agora carecían deste servizo na Fonsagrada.

Exit mobile version