Visitou coa rexedora un inmoble que o Concello quere recuperar para poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso pola localidade
Durante unha visita ao Concello de Vilalba, onde mantivo un encontro coa alcaldesa da localidade, Marta Rouco, o delegado explicou que se trata dunha nova oportunidade para proxectos elixibles presentados polos entes locais á anterior convocatoria, que cumprían os criterios técnicos e que non resultaron adxudicatarios polo alto nivel de participación acadado e o límite orzamentario. En Galicia son 19 os concellos que poden optar a estas axudas.
As subvencións, que se resolverán por concorrencia competitiva, están dirixidas a proxectos en inmobles, espazos públicos e bens de dominio público. Permitirán a rehabilitación e transformación para novos usos de bens, espazos e terreos de titularidade pública que reforcen o compoñente social, medioambiental e dixital destes espazos ou axuden á creación doutros novos.
Precisamente, o delegado e a alcaldesa aproveitaron para visitar un inmoble que o Concello quere recuperar para poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio e que sería susceptible de concorrer a estas axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica. Tamén repasaron outros proxectos que se están a levar a cabo en Vilalba, como a peatonalización do casco urbano, a rehabilitación do Parador ou a renovación da Casa Consistorial ou do alumeado exterior da vila, entre outros.
Pedro Blanco sinalou a necesidade de apoiar aos municipios, especialmente aos máis pequenos, na mellora dos seus servizos e infraestruturas para frear a perda de poboación no rural e para garantir aos seus habitantes un futuro coas mesmas oportunidades para todos e todas.
Nesta liña van as axudas que convoca Transición Ecolóxica, xa que promoven a calidade de vida nestes municipios a través da mellora dos servizos sociais, culturais, de infraestrutura verde e de emprendemento, e que tamén contribúen a fixar poboación nestes territorios.