Ribadeo, 20 Xaneiro, 2024. Un incendio nunha vivenda situada na Rúa Virxe do Camiño, en Ribadeo (Lugo) obrigou a desaloxar aos veciños do edificio de cinco andares. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
Foi un particular o que contactou co 112 Galicia para informar dos feitos ao fío das 13 horas da tarde. Segundo explicaba, estaban desaloxando o edificio debido a que un piso estaba involucrado nun incendio e había unha bombona de butano no seu interior.
Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros de Barreiros, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e dos membros de Protección Civil de Ribadeo.
Tras rematar a súa intervención, os Bombeiros indicaron que ardeu por completo o salón da vivenda situada no segundo andar, e por conseguinte, todo o piso viuse afectado polo fume. Polo momento, descoñécese a orixe do incendio.