A candidatura ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo acompañou aos veciños e veciñas da Montaña que todos os luns se concentran diante do centro de saúde en protesta pola falta de persoal médico
A Fonsagrada, 29 de xaneiro de 2024. A candidatura socialista ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo garantiu este luns na Fonsagrada o compromiso de José Ramón Gómez Besteiro de convocar todas as prazas de categorías vinculadas á Atención Primaria para restablecer as ratios axeitadas nos centros de saúde de maneira estable e superar a desidia do Partido Popular, primeiro con Feijóo e agora con Rueda, nas convocatorias. Fixérono despois de acompañar aos veciños e veciñas da Montaña que todos os luns se concentran diante do centro de saúde da localidade para reivindicar unha solución para a falta de médicos.
Xunto a varias ducias de persoas participaron na concentración a número dous da lista do PSdeG luncese ao 18-F, Lara Méndez; a número tres, Mayra García; o número catro, Miguel Tomé; a número cinco; Teresa Fernández; e a número once, Marina Ramudo. Tamén tomaron parte na concentración os alcaldes da Fonsagrada, Carlos López; de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña; de Cervantes, Benigno Gómez; da Pontenova, Darío Campos; e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; así como os deputados provinciais Pablo Rivera e Xosé María Arias, tamén Alcalde de Castroverde.
A proposta do PSdeG pasa por activar “un plan urxente” para rescatar a sanidade pública e devolverlle a calidade que tiña en Galicia, especialmente no que ten que ver coa Atención Primaria, e que contará con dúas liñas prioritarias de actuación: máis investimento e máis persoal sanitario. Besteiro garante a atención nun prazo prazo máximo de 48 horas, fronte ás esperas de ata 21 días que se rexistran na actualidade tras 15 anos de desmantelamento da sanidade pública polo PP.
Desde finais de outubro a veciñanza da Montaña non ten médico no concello de Negueira de Muñiz, o que obriga á xente a desprazarse 90 quilómetros, ata ambulatorio da Fonsagrada, para ir á consulta. Unha situación que se repite en toda a provincia, tal e como denunciaron esta mañá os socialistas lucenses, apuntando que precarizar o sistema e non cubrir baixas, vacacións, permisos ou xubilacións do persoal sanitario son prácticas constantes do PP na Xunta.
De feito, actualmente en Galicia hai 900 profesionais menos en atención primaria ca no último ano co presidente Touriño.
Fronte ao Goberno de Rueda, que “desmantela” a sanidade pública e “fai negocio” á costa da saúde das persoas, o PSdeG apela á alternativa de Besteiro para reverter a situación apostando pola sanidade pública.