Participaron este domingo nas concentracións convocadas en Lourenzá pola Plataforma Sanitaria da Mariña e pola veciñanza e o tecido asociativo no Vicedo para reivindicar ao Goberno de Rueda máis médicos nos centros de saúde
A Mariña, 21 de xaneiro de 2024. Os Os socialistas participaron este domingo nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Sanitaria da Mariña na Praza Conde Santo, de Lourenzá, e pola veciñanza e o tecido asociativo do Vicedo para reivindicar que se dote á comarca de máis profesionais nos centro de saúde.
Denuncian dende o PSdeG que no caso de Lourenzá o servizo de pediatría se presta de xeito compartido cos concellos de Mondoñedo e Barreiros, correspondéndolle a Lourenzá consulta de pediatría un día á semana. “Esiximos á Xunta que restableza integramente o servizo de pediatría, tanto en Lourenzá como no resto de localidades da comarca da Mariña, porque poder levar aos pequenos ao pediatra non é un privilexio, é un dereito básico”, sinalou a rexedora do concello laurentino. Participaron a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; a Alcaldesa de Burela, Carmela López; o Alcalde de Trabada, Rubén García; o Alcalde de Ourol, José Luis Pajón; a voceira socialista de Cervo, Luján Ramos; a voceira socialista de Xove, Rogelia Mariña; ademais de concelleiros e concelleiras socialistas da comarca.
Pola súa banda, no Vicedo baixo o lema Médicos no Vicedo XA! a veciñanza e os diferentes colectivos sociais pediron máis profesionais sanitarios para mellorar a calidade do servizo, “baixo mínimos”. Os socialistas, encabezados pola voceira na localidade, María Pérez Santaballa, sinalan como “insostible” o que denominan “colapso técnico” desta localidade da Mariña.
As malas prácticas da Xunta en materia sanitaria son unha constante en toda a comarca e acusan ao PP de “precarizar” o sistema ao non cubrir baixas, vacacións, permisos ou xubilacións. Apuntan ademais os socialistas que a Sanidade está a ser desmantelada polo goberno de Rueda, que apostan por un modelo de negocio á costa da saúde das persoas.
Os socialistas xa esixiron en numerosas ocasións no Pleno do Parlamento de Galicia solucións urxentes ante a falta de profesionais sanitarios e ao desmantelamento da Atención Primaria que está padecendo dende hai anos a comarca da Mariña. Lembraron que os problemas se multiplican en localidades como Lourenzá, Burela, Foz, A Pontenova, Alfoz, O Valadouro, Ribadeo, O Vicedo ou Viveiro, que sofren pola falta de persoal.
Defenden desde o PSdeG que é posible apostar por un sistema sanitario que teña a consistencia suficiente para que aporte ao desenvolvemento do país, da man da investigación e a atención de calidade, sendo así unha oportunidade para fixar poboación moza e reter talento, dinamizando a economía do rural. Sinalan que para reverter a situación é fundamental cambiar o modelo de xestión.