Site icon Crónica3.com A Mariña

Os gandeiros galegos poden solicitar desde este mércores as axudas para instalar valados fixos ou contratar persoas coidadoras para previr os danos do lobo

Os interesados teñen un mes de prazo para presentar as solicitudes de acceso a estes apoios cos que velar pola seguridade dos rabaños

Chantada, 9 de xaneiro de 2024. Os titulares de explotacións de gando de Galicia poden solicitar desde mañá axudas para distintas actuacións coas que protexer os seus rabaños dos danos causados polo lobo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes de achegas que suman un orzamento de máis de 900.000 euros, unha delas centrada na contratación de persoas coidadoras de gando extensivo e outra na adquisición e instalación de valados fixos.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá unha explotación de gando en Chantada onde salientou que este tipo de medidas de prevención son fundamentais para compatibilizar a gandería coa presenza e conservación do lobo na comunidade.

A representante da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que as axudas para persoas coidadoras están dirixidas ás explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia e contan cun orzamento inicial de algo máis de 400.000 euros para o presente exercicio.

O obxectivo principal desta liña de apoios é axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

A contía destas axudas, tal como recolle a orde, pode acadar o 100% dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a achega máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. No caso dunha duración inferior a un mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación cun límite de 9 euros por hora traballada.

Valados

Belén do Campo detallou que a segunda orde de axudas -cun orzamento de 500.000 euros- apoia a aplicación de medidas de protección mediante a adquisición e instalación de elementos preventivos -valados fixos- dos danos que poida ocasionar o lobo.

Neste caso os potenciais beneficiarios son os titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún, porcino e raza Celta e equino que figuren no REGA e a contía máxima da axuda rolda os 5.500 euros por valado en función da súa tipoloxía.

A directora xeral de Patrimonio Natural salientou que o prazo de presentación de solicitudes para as dúas ordes de achegas é dun mes contado a partir de mañá, 10 de xaneiro. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Exit mobile version