A adaptación do texto catalán “treball de recerca”, orixinal de Ignasi García i Barba, é a nova proposta do grupo barreirense
Barreiros, 18 de xaneiro, 2024. Andrea é unha moza que está preparando a súa tese de doutoramento. Para iso decidiu facer un traballo de investigación sobre o destino que correron uns sindicalistas exiliados do seu pobo ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe.
Aparentemente unha investigación deste tipo, nos nosos días, non debería supor ningún problema, sen embargo nada máis empezar xa se decata de que a cousa non é tan sinxela como ela pensa. O mutismo total que hai na vila sobre ese tema fainos recordar o título daquela película alemá sobre o periplo do fiscal que levou a xuízo os crimes do nazismo (A conspiración do silencio).
“O traballo de Andrea” fainos presentes dous temas moi importantes:
Por un lado a necesidade de non perder a memoria, aínda que ás veces sexa dolorosa, xa que como ben dixo o filósofo Jorge Santayana, “aqueles que non recordan o pasado están condenados a repetilo”. Pero sobre todo, a importancia do papel da xente moza nesa recuperación.
E por outro, a constatación do feito de que as persoas non temos porque sentirnos responsables do que fixeron os nosos devanceiros. Cadaquén é responsable única e exclusivamente dos seus propios actos. Se entendemos isto, non debería haber ningún motivo para oporse á recuperación da memoria.
“O traballo de Andrea” é un drama. O drama no que se ve metida unha rapaza que o único que busca e descubrir a verdade. O drama dunha vida que está empezando e que se ve envolta nun mundo de segredos que ninguén quere, se cadra por esa mal entendida responsabilidade, desvelar. E ao mesmo tempo, o drama do seu mundo persoal no que tamén hai segredos difíciles de asumir.
Por primeira vez Ollomao abandona o mundo da comedia e enfróntase a un drama con unha grande complexidade tanto a nivel conceptual como formal. En definitiva, un novo reto, se cadra o máis arriscado ata agora, do grupo de teatro Ollomao.
A función celebrarase o domingo 21, ás 20:00 h. no auditorio Hernán Naval de Ribadeo