O BNG mellorará as infraestruturas tanto da cidade como da provincia para “crear oportunidades e impulsar a economía”
A candidata do BNG afirmou que, a partir do 18 de febreiro, o BNG traballará para “crear oportunidades para impulsar economicamente tanto a cidade como a provincia de Lugo”, para o que “poñeremos a Lugo no mapa mellorando as infraestruturas e a conectividade, garantindo que non se perda nin unha soa oportunidade económica por falta de infraestruturas”.
O BNG traballará tamén na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores, tamén en materia de conciliación, tendo en conta as necesidades nas contornas laborais.
Desde o ano 2009, destruíronse en Galiza un total de 51.200 postos de traballo no sector industrial, no mar e no sector agrogandeiro, polo que “resulta prioritario reverter o declive económico e industrial que lastra o futuro de Galiza e iniciar unha nova etapa de desenvolvemento dos nosos sectores estratéxicos e de impulso das grandes pancas de transformación da economía galega”, declarou Olalla Rodil.