Este recurso pioneiro en materia de integración e convivencia familiar, posto en marcha como resultado do convenio alcanzado entre Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e as Fillas do Divino Celo – Rogacionistas de Burela, ofrece de forma gratuíta (todos os días laborais do ano) un servizo de prevención e formación no ámbito educativo e sociofamiliar a menores cunha situación familiar que poida presentar certo grao de vulnerabilidade. Do mesmo xeito, ofrécese aos seus proxenitores orientación nos ámbitos socioeducativos e psicosociais para favorecer unhas boas condicións de convivencia no desenvolvemento da vida familiar no seu conxunto.
Este programa é posible grazas á subvención da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e á achega económica das propias entidades (Fillas do Divino Celo – Rogacionistas e Cáritas Diocesana).
Unha parte esencial do “Familia Educa” é o reforzo académico que precisan estes nenos, nenas e adolescentes, pero tamén é moi importante o traballo que se fai con eles no plano afectivo e emocional. Do mesmo xeito, podemos destacar as diferentes actividades e saídas que se realizan na contorna, que axudan a mellorar en gran medida eses aspectos. Déronse charlas motivacionales, houbo saídas ao parque acuático (Cerceda) ou ao XuvenLugo, visitas ao parque zoolóxico (Marcelle Natureza), realizáronse roteiros como o do Tren Mineiro (A Pontenova), ademais de visitas na propia localidade de Foz: Biblioteca Municipal, CENIMA (con toda a súa experiencia de realidade virtual) ou Casa da Cultura (con obras de teatro e monicreques).