Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente reorganiza o organigrama do Goberno da Deputación tras a renuncia de Mayra García

Tomé Roca avanzou este sábado que a área de Economía, Facenda e Especial de Contas pasará a estar dirixida por Carmela López Moreno, Alcaldesa de Burela, que tomará posesión nas vindeiras semanas e que Miguel Fernández Méndez, ademais de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento asumirá Vías e Obras, un nomeamento que foi acordado entre o mandatario provincial e o propio Deputado hai uns meses

Lugo, 13 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reorganizará o organigrama do Goberno provincial logo da renuncia como Deputada de Mayra García Bermúdez o pasado venres para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galicia.

Explicou o mandatario provincial que a área da que era responsable a ex Alcaldesa de Trabada -Economía, Facenda e Especial de Contas- pasará a estar dirixida por Carmela López Moreno, rexedora de Burela, que tomará posesión no vindeiro Pleno provincial. Ademais o Presidente avanzou que nas vindeiras semanas o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, pasará a asumir ademais a delegación de Vías e Obras.

“Son cambios que facemos co obxectivo de impulsar o proxecto de desenvolvemento social e económico que temos para a provincia de Lugo en colaboración cos concellos, co tecido asociativo e produtivo, tras a marcha, como sabedes, dunha compañeira”, valorou o Presidente. José Tomé aproveitará tamén a reestruturación para delegar a área de Vías e Obras en Miguel Fernández Méndez co obxectivo de reforzar a representación institucional e a dirección política do Goberno provincial na nova etapa que se abre no panorama galego.

Tal e como sinalou Tomé Roca, o nomeamento de Miguel Fernández Méndez como responsable de Vías e Obras fora acordado entre o Presidente e o propio Deputado hai uns meses para que se producira a principios de ano, coincidindo coa aprobación dos novos Orzamentos.

Exit mobile version