Lugo, 19 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres á toma de posesión de Rubén García Freije como novo Alcalde de Trabada, un acto celebrado no consistorio da localidade ante a presenza de numerosos veciños e veciñas. O mandatario provincial desexoulle ao rexedor sorte e éxitos nesta etapa, na que continuará co proxecto liderado por Mayra García Bermúdez, “cunha firme aposta polos servizos públicos para xerar dinamismo social e económico”, subliñou. Recoñeceu o seu labor como Concelleiro nestes 9 anos, ao tempo que salientou a súa faceta como emprendedor á fronte de dous negocios no municipio, “o que dá boa mostra do teu compromiso con Trabada, pois o emprendemento é fundamental para asentar poboación nun lugar”. O Presidente expresoulle a súa vontade de manter a relación de colaboración directa e fluída da Deputación co Concello para sacar adiante medidas beneficiosas para os veciños e veciñas de Trabada.