Ante a previsión de que chegue unha avalancha de pellets na fin de semana, “esiximos á Xunta, que deixe de enredar e de mentir, que se poña ao fronte, a traballar, para protexer as nosas costas, polo menos ata que non haxa cambio no Goberno galego, que á vista do que está pasando, é cada vez máis necesario e máis urxente”
Unha actitude na que “continúan”, engadiu o mandatario provincial, xa que, “despois de escoitar esta mañá á Conselleira de Medio Ambiente nunha entrevista xornalística, chegamos á conclusión de que a Xunta vai seguir de brazos cruzados, á espera de que o Goberno do Estado, os concellos e os voluntarios, lle resolvan o desastre ambiental, porque a Xunta non sabe que facer”. Un problema “que está empezando a chegar ás praias da nosa provincia, sobre todo ás da Mariña máis occidental”.
As declaracións de Ángeles Vázquez “déixanme aínda máis preocupado e moi indignado” porque recoñeceu abertamente, “sen poñerse colorada, que “non van falar co Goberno do Estado, que non van falar co Goberno de España, para dicirlle algo tan sinxelo como os medios necesitan e onde os necesitan”. “Iso non é colaboración, Iso é pasar de todo, incompetencia e soberbia. Colaborar é ser proactivos, ofrecer apoio, non quedarse de brazos cruzados como fai a Xunta do señor Rueda”, subliñou o Presidente.
Neste sentido, o Goberno galego, tal e como está constatado, “sabía dende o 13 de decembro que están chegando os plásticos ás praias e non fixo nada. O Goberno do Estado avisouno o día 20 de decembro, e a Xunta seguiu sen facer nada. A pesar dos documentos, seguen mentindo”.
Unha tardanza que empeorou a situación, e que contrasta coa rápida reacción de Asturias. “En 24 horas, o Principado decretou o nivel 2 de alerta anticontaminación e, de forma inmediata, empezou a traballar co Goberno do Estado na limpeza dos seus areais. A Xunta de Galicia, cunha situación máis grave, tardou practicamente un mes en activar o nivel 2, obrigada polas presións de todos. Non se pode ser máis irresponsable”, afirmou. “Queda claro que actuou, única e exclusivamente, pola presión. Porque era unha situación insostible. Non podían tapar por máis tempo esa gran mentira da Xunta de Galicia”, remarcou.
“Están aplicando o mesmo manual que co Prestige: ocultan, menten e bótanlle a culpa aos demais, deixando á súa sorte aos concellos e á xente na loita contra este desastre ambiental”, asegurou.
Para que sirve o actual Goberno da Xunta? Se non fai nada, nin saben o que necesitan
A propia Conselleira de Medio Ambiente di agora que se espera “unha avalancha de plásticos nas praias para a fin de semana, o que pode agravar a situación na nosa provincia”, pero, ao mesmo tempo, “négase a colaborar co Goberno do Estado, a dicirlle que necesitan e onde o necesitan”. “Entón, ¿para que sirve o Goberno actual da Xunta? Se nin fai nada, nin responde, nin é da súa competencia, nin saben o que necesitan”.
O mandatario provincial esixe á Xunta, “que diga a verdade, que deixe de enredar, de mentir, e que se poña ao fronte, que se poña traballar xa para protexer as nosas costas, polo menos ata que non haxa cambio no Goberno galego, que á vista do que está pasando, é cada vez máis necesario e máis urxente”.