Levar na candidatura a Javier Arias e Alfonso Villares, exemplos de “incompetencia e falta de compromiso cos lucenses” é outra proba de que “Rueda non ten proxecto nin para a provincia nin para Galicia”
Os socialistas consideran “vergoñento e indignante” que o PP siga apostando por unha persoa que, se tivese dignidade política, debería terse apartado despois de entregar á xuíza expedientada Pilar de Lara os anónimos falsos que orixinaron a persecución contra José Ramón Gómez Besteiro”, unha “manobra rastreira que aínda por riba se atreveu a negar, mentíndolle a todos os lucenses, a pesar de que hai documentos que así o certifican”.
“A colección de cargos de Elena Candia tende a infinito: presidenta do seu partido na provincia, Vicepresidenta do Parlamento, ex Deputada provincial e ex Presidenta da Deputación, ex Alcaldesa e ex Concelleira en Mondoñedo, Concelleira en Lugo e agora, de novo, aspirante a Deputada autonómica”. Para os socialistas “está claro que, quen nada fai, pode acumular tantos cargos como queira”. “Elena Candia dixo hai días que para ela, Lugo é o primeiro, pero de novo mentiu, porque o primeiro sempre son os seus intereses persoais. Por Lugo, nada fixo”, subliña o PSdeG.
Neste sentido, lembraron que Candia votou en contra de impulsar proxectos fundamentais para a cidade como a Ronda Leste, ou a súa “incapacidade para promover no Parlamento galego iniciativa algunha a favor de Lugo e da provincia”.
“Incompetencia política” é tamén o adxectivo que “mellor define” ao número dous da lista, Javier Arias, “un Delegado da Xunta en Lugo ao que non se lle coñece traballo algún pola nosa provincia, máis aló de posar para as fotos”. De feito, o PSdeG denunciou xa en reiteradas ocasións que é “indigno do seu cargo” porque “actúa con deslealdade, falta de respecto e soberbia cara os responsables institucionais que non son da súa mesma cor política”, unha actitude “intolerable” que levou ao extremo “proferindo comentarios machistas cara a Voceira socialista na Deputación nunha reunión de traballo”.
Os socialistas consideran que Javier Arias é “unha máis das apostas fallidas do PP. Un suposto home forte que ía poñer orde na desfeita provincial protagonizada por Balseiro, Candia e Barreiro, e que dende o principio amosou a súa incapacidade para traballar polos veciños e impulsar os proxectos que precisa a provincia”.
A presenza na lista do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi cualificada polo PSdeG como “unha decisión incomprensible, que reflicte a falta de proxecto de Alfonso Rueda, quen, aínda rebaixándoo ao terceiro posto porque non confía nel, leva na candidatura a unha persoa que será recordada pola súa incompetencia na crise dos pellets de plástico que asolan as nosas costas e polas súas declaracións indignas dun cargo público en relación co tránsito intestinal”.
“Os veciños da provincia de Lugo precisan liderado, un proxecto claro, de ilusión e esperanza, compromiso, capacidade de traballo e honestidade política. Todos os valores que ofrecemos os socialistas con Besteiro e que non van atopar na lista do PP”, afirmou o PSdeG.