“Será a Xunta de Besteiro a que reforzará a sanidade pública porque ese é o noso modelo: unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e universal. Puxémola en pé os socialistas e seremos os socialistas os que a recuperaremos”
Polo tanto, “que non lle mintan aos veciños e veciñas, porque eles sofren cada día o desmantelamento da atención primaria que está perpetrando o Partido Popular na nosa provincia”.
“O panorama é desolador”, pois, ademais dos peches de centros, “o PP provocou na Xunta unha redución de persoal tan grave que a día de hoxe o 80% dos 67 concellos da provincia de Lugo teñen falta de médicos de familia, enfermeiros e pediatras”. “Viveiro, con máis de 15.000 habitantes non ten pediatra dende hai un ano e chega a haber só dous médicos ou mesmo un, dos 10 que tiña que haber; en Monforte, con máis de 18.000 habitantes, hai só 5 médicos dos 12 que tiña que haber; e na Fonsagrada só hai dous, dos 5 que había. E así toda a provincia”, subliñaron os socialistas.
“Con Touriño, os pacientes tiñan cita ao día seguinte”
“Cando gobernaba Touriño, os pacientes tiñan cita ao día seguinte no seu centro de saúde. Hoxe tardan semanas, ata para as receitas, e, por iso, tamén se colapsan as Urxencias, porque a xente non pode esperar e vai ao hospital”, recalca o PSdeG provincial. Unha situación, recalca, que recoñece o propio xefe de Urxencias do HULA. De feito, segundo os datos que ofreceu nunha entrevista xornalística, a afluencia a Urxencias disparouse no 2023, con 6.000 máis ca no ano anterior, “o que non ten unha causa puntual, como os picos de gripe, senón que ese incremento se está convertendo en algo estrutural polo desmantelamento da Atención Primaria”.
“A sanidade pública está atravesando a peor etapa da historia por culpa do PP. En 15 anos de Feijóo e Rueda, perdemos 900 profesionais na Atención Primaria, privatizaron servizos, empeoraron as condicións laborais dos traballadores e foron incapaces de prever a xubilación dos médicos para cubrir as vacantes”.
Os socialistas recalcan que será a Xunta de Besteiro a que “recuperará e reforzará” a sanidade pública porque “ese é o noso modelo: unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e universal. Puxémola en pé os socialistas e seremos os socialistas os que a recuperaremos”.