Os deputados populares trasladarán esta proposta ao Congreso co obxectivo de apoiar un proxecto que será unha oportunidade significativa para o desenvolvemento económico e a innovación industrial na provincia de Lugo e en Galicia
Lugo, 26 de xaneiro de 2024. O deputado lucense no Congreso Francisco Conde avanzou esta mañá que “o Grupo Popular esixirá no Congreso, a través dunha proposición non de lei, que o Goberno do Estado garanta a viabilidade do proxecto de Altri, a súa inclusión no PERTE de descarbonización e o acceso a fondos europeos”.
O popular agarda que Sánchez aproveite a súa visita prevista para mañá a Lugo para concretar o apoio que necesita Altri para que a fábrica de fibras téxtiles se asente na provincia de Lugo, en Palas de Rei, porque “sería imperdoable que non dixese nada tendo en conta que en xogo a reindustrialización da nosa provincia” e que “deixe pasar unha oportunidade significativa para o desenvolvemento económico e a innovación industrial en Galicia que contribuiría á creación de 2.500 empregos”.
“Agardamos que o presidente do Goberno teña altura de miras, que amose a vontade política que Altri necesita e que cumpra a palabra dada”, dixo Conde, lembrando que “Sánchez lle garantizou publicamente fai ano e medio ao presidente Rueda os fondos que permitirían o desenvolvemento deste proxecto que suporía un investimento de 900M€”. Pero, “estamos en xaneiro de 2024 e nin o Goberno, nin o Partido Socialista, nin tan sequera o home anuncio que Pedro Sánchez ten en Galicia foron capaces de trasladar aos galegos unha soa certeza que garantise que van a cumprir a palabra dada”.
Os populares reivindican que “Lugo e Galicia non son menos que outras provincias e Comunidades” polo que “non se entendería que Sánchez non diga nada sobre este proxecto”.
OUTROS TERMOS DA PROPOSTA
Os populares tamén piden acelerar o lanzamento das liñas do PERTE e as bases das convocatorias; colaborar con Altri, os posibles socios potenciais e entidades implicadas no proxecto para fortalecer a cadea de valor e garantir un impacto económico e sobre o emprego local positivo; asegurar transparencia e participación pública en tódalas etapas do proxecto e solicitar que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico inclúa de forma inmediata unha modificación na Planificación Eléctrica 2021-2026 a efectos de que se poida construír a subestación eléctrica necesaria para garantir o abastecemento enerxético da planta.