Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP desexa “acertos” a Miguel Fernández á fronte de vías e obras da Deputación e que non copie “o sectarismo e os malos hábitos” de Tomé nas estradas provinciais

Os deputados populares agardan que este cambio de responsable de vías e obras “sexa positivo” para a provincia “sempre e cando Miguel Fernández non continúe co municipalismo de amiguetes” instaurado polo presidente da Deputación

Lugo, 14 de xaneiro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo desexan “moitos acertos” a Miguel Fernández á fronte de vías e obras, despois de que onte se coñecese que será o novo responsable deste servizo e pídenlle “que non copie o sectarismo e os malos hábitos” do seu predecesor “que impuxo o municipalismo de amiguetes arranxando unicamente as estradas provinciais daqueles municipios gobernados polos seus afíns”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “tendemos a man a Miguel Fernández, como fixemos co seu antecesor” para poder sentarnos a falar e chegar a consensos e “mellorar a rede viaria provincial xa que se trata de garantir a seguridade viaria”

XUNTANZA DE TRABALLO

Os deputados populares continúan coa liña de xuntanzas periódicas de traballo que realizan por toda a provincia e esta semana reuníronse en As Nogais, continuando así coa política de “deslocalizar” as reunións de traballo e así poder valorizar a riqueza da provincia.

O grupo provincial do Partido Popular mantén a liña iniciada ao comezo do mandato de deslocalizar as reunións de traballos e organización de grupo, que se convocan ao longo da provincia demostrando que se pode apostar polo trato igualitario na provincia, aproveitando ademais para convidar ás mesmas aos alcaldes e voceiros da zona.

Os populares ven imprescindible que o goberno provincial reclame ao Goberno central “actuacións inmediatas e contundentes” no mantemento da autovía A6 e da N-VI para evitar situacións de risco aos condutores. “No propio desprazamento a As Nogais fomos testemuñas de como un vehículo rebentou unha roda ao pasar por un dos enormes baches que hai na vía”, explican.

A realidade é que o goberno central ten que poñer data xa a reapertura das pontes derrubadas e do terraplén.

Tamén ven fundamental o compromiso do goberno de Tomé coa residencia de Becerreá. “Segunda xunta de goberno do ano e seguimos sen compromisos e fondos para acadar a apertura desta residencia neste 2024, un servizo fundamental para toda a comarca da Montaña luguesa”, finalizan.

Exit mobile version