Os populares propoñen priorizar a empresas locais nos contratos menores, crear un inventario de fontes municipais cun plan de mantemento e control sanitario e incluír Burela na rede de transparencia da FEGAMP
Unha das iniciativas do PP vai encamiñada a priorizar a empresas locais nos contratos menores co Concello. “É algo que non se está a facer en Burela, xa que detectamos que se están contratando empresas doutras zonas cando hai empresarios na nosa vila que teñen a cualificación para prestar determinados servizos que demanda o Concello”.
Outra das propostas que defenderán os populares é “a creación dun inventario da fontes municipais e un plan de mantemento e control sanitario das mesmas”. E, por outra banda, propoñen “incluír a Burela na rede de transparencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). É algo de obrigado cumprimento, pero que o goberno local non está a facer demostrando o seu pouco interese pola transparencia”.
Neste clima preelectoral, o Grupo Municipal Popular de Burela volve demostrar que “seguimos a preocuparnos pola veciñanza da nosa vila. A diferencia das outras formacións políticas que están máis preocupadas por facer campaña que pola gobernanza no noso Concello”.