Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que os veciños non poden máis e concentraranse ante a Deputación antes do pleno deste martes para esixir seguridade e o arranxo das estradas provinciais

Os deputados populares defenderán no pleno unha iniciativa para que a Deputación de Lugo realice un estudo do estado no que se atopan as vías provinciais e confeccionar un programa para proceder ao arranxo das mesmas, dando prioridade a aquelas estradas nas que fai máis tempo que non se actúa

Lugo, 28 de xaneiro de 2024. O nulo mantemento que o goberno provincial realiza da rede de estradas da Deputación de Lugo provocou que moitas delas se convertesen en puntos “intransitables e moi perigosos” provocando un “enfado maiúsculo” entre os lucenses que “fartos desta situación se concentrarán diante da Deputación o martes, antes do pleno, en sinal de protesta pola nula xestión que realiza José Tomé e para esixir un cambio e o arranxo das estradas de titularidade da Deputación”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “é normal e totalmente entendible o enfado dos lucenses e a ver se Tomé ten a ben escoitar aos veciños e recapacita para iniciar o arranxo das estradas provinciais”.

Neste senso, os deputados populares defenderán unha iniciativa no pleno para instar á Deputación a realizar un estudo integral do estado da rede de estradas de titularidade da Deputación Provincial, confeccionar unha programación real, obxectiva e igualitaria para desenvolver obras de renovación e mellora do firme nas vías de toda a provincia onde sexa preciso, atendendo a criterios de necesidade, seguridade para os condutores e dando prioridade a aquelas nas que fai máis tempo que non se actúa.

Unha actuación que debe de reforzarse dotando de maior presuposto á partida orzamentaria dirixida á conservación e mantemento das vías provinciais.

Ameijide afirma que “somos conscientes” de que a rede de estradas provincial consta de máis de 4.000 quilómetros polo que “entendemos que pode ser complicado o seu mantemento” pero “non é menos certo que toda esta rede de estradas é obra de gobernos do Partido Popular á fronte da Deputación que a fixeron con moitos menos recursos dos que conta o presidente Tomé, polo que as súas escusas non valen”.

A realidade é que na actualidade moitas das vías de titularidade provincial atópanse en situación de abandono. O seu mal estado apréciase na presenza de gretas, blandóns, firme socavado, buratos de tamaño considerable ou fochancas longas e profundas. “Hai casos, como o que puidemos ver esta mesma semana na Pobra do Brollón no que hai fochancas nas que cabe un vehículo enteiro”, denunciou, ao que engade que “so se pode chegar a esta situación a través do abandono e deixamento de funcións por parte de Tomé”.

Exit mobile version