Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno da Deputación aprobou, cos votos a favor de PSdeG e do BNG, unha moción que pide que a Xunta mellore a xestión da marea de plástico que afecta ao litoral galego

Lugo, 30 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, constatou este martes “as mentiras” do PP ante a crise dos pélets. “A resposta é a mesma que deron cando foi o do Prestige, primeiro negalo e logo botarlle a culpa aos demais en vez de poñer medios para solucionar o problema”, valorou o mandatario provincial. Á entrada do Pleno provincial que se celebrou este martes en San Marcos, Tomé Roca tamén reprochou á Xunta de Galicia a falta de rigor do Executivo galego na xestión da crise, “ata para pedir medios ao Goberno do Estado”.

“Só dende a incapacidade e o cálculo electoralista máis lamentable, se entende a inacción da Xunta ante a situación xerada polo vertido do Toconao”, denunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, na sesión plenaria. Denunciou que a Xunta “xogou” á desinformación, con informes que primeiro negaban a perigosidade ou toxicidade dos pélets e logo indicaban o contrario. Tamén reprochou a falta de rigor á hora de coñecer a composición dos plásticos, “sen encargar nun laboratorio o análise do material, fiando simplemente á veracidade da ficha que aportaba o fabricante”.

A reacción do Executivo galego ante esta crise “é un exemplo do manual de estilo do PP”. García Porto relatou que primeiro negaron a realidade, logo miraron para outro lado, esperaron a que as cousas empeoraron, botaron a culpa ao Goberno central e abandonaron aos concellos, e ignoraron as demandas de explicacións que reclamaba a sociedade civil. Puxo como exemplo Asturias, como outro modelo de xestión posible.

Lamentou que a Xunta manteña á Consellería do Mar “na cola” da dotación orzamentaria, poñendo como exemplo o servizo de Gardacostas, que conta cun presuposto de 18M€ para unha comunidade que conta con 1.500 quilómetros de litoral e unhas características complexas.

O Pleno aprobou, cos votos favorables de PSdeG e BNG e cos votos en contra do PP, instar á Xunta de Galicia a que active un dispositivo de limpeza en todo o litoral para atallar a crise dos pélets, que cree un comité de seguimento que reúna a todas as administracións implicadas e que aclare a composición do material vertido, así como as súas posibles afeccións no medio.

Exit mobile version