Cunha brillante primeira parte, no segundo tempo o equipo local mete dous tantos que descolocan ao conxunto laranxa, que non cesa de intentalo cunha moi boa presión ata o minuto 40
Burela, 13 de xaneiro, 2024. Esta tarde ás 17.00h no pavillón Fernando Argüelles, de Antequera, xogábase a 15ª e última xornada da primeira volta da Segunda División de Futsal, CD UMA Antequera – Pescados Rubén Burela FS, un partidazo entre o primeiro e terceiro clasificados da liga en territorio do líder. O encontro non defraudou, os dous equipos enfrontáronse nun partido moi bonito e disputado, moi competido, cun resultado final de 4-2 en quizais a pista máis complicada da competición. Tras unha primeira parte na que o Pescados Rubén Burela FS luciu a súa mellor versión, chegando ao descando cun resultado 1-1 no marcador, na segunda parte o Burela despístase a partir do 2-1, o que lle custa unha vantaxe que posteriormente non logra remontar a pesar da insistencia e moi boa presión exercida polos de David Rial.
Na primeira parte comeza presionando o Antequera cun regate a Michal que non atopa a portería e un primeiro paradón do porteiro polaco dous minutos despois a un disparo moi perigoso do porteiro rival que se adianta con moi boa precisión e fulmina por sorpresa. Comeza a presionar de forma ascendente o equipo mariñán desde o minuto 3. No 4, ocasión clarísima de Ismael, ao que debemos destacar un partidazo, tras un saque longo de Kaluza que remata atopándose con Almagro, outro gran papel no día de hoxe. No minuto 4 chega o primeiro gol, de Quico Hernando tras un pase do noso antigo compañeiro Nando Torres, outro dos xogadores máis destacados do partido. Continúan as numerosas oportunidades do Pescados Rubén, no minuto 6 outra moi clara de Ismael tras un saque de banda de Alberto a Charly que fai un moi bo pase ao xogador cordobés que recibía pegado ao pau. Continúa presionando o Burela, que demostra o seu tamén coidado lado ofensivo en durante toda a primeira parte. No minuto 8, oportunidade de Malaguti tras un xiro e un disparo. No minuto 9 outra de Lucho cun disparo frontal ao bordo da liña da área tras unha recuperación. Dous minutos despois un moi certeiro e potente disparo afastado de Á. García non logra bater ao porteiro do equipo malagueño e outro minuto despois un gol anulado a Quico Hernando que a mete na portería co corpo e tocándoa coa man. Continúa o alto ritmo do partido cun pase longo a Kiko que dispara e roza o pau no minuto 15 e dous minutos despois chega o empate cun golazo de Ismael nun tiro directo de falta que fulmina a portreía. Tras outra boísima intervención de Michal a un disparo frontal de Leandrinho chega o descanso 1-1 no marcador.
Na segunda parte o Burela sae con forza, cun tiro de Ismael desde dentro da área no minuto 21 que desvía Mario Almagro, pero no minuto 24 un disparo afastado de Burrito adianta o marcador para os locais e despista ao conxunto visitante. Clarísima oportunidade de Alberto no minuto 27, que a tira fóra tras unha boa deixada de Ismael e un moi elegante taconazo de Nando Torres que dá no pau da portería do conxunto laranxa, precede o 3-1 do mesmo Nando tras un pase de Cobarro. A pesar do tropezón, o Burela non baixa a cabeza e continúa buscando recortar as distancias, con tres disparos de Ismael que ven frustrados pola puntería e un grandísimo porteiro baixo paus rivais, pero no minuto 35 chega o 4-1 e segundo gol de Nando Torres, nun rexeite tras un saque de corner. Comeza, no mesmo minuto, o conxunto burelense a presionar con xogo de 5, con Lucho como porteiro-xogador, e no minuto 37 cambia a Isma. No mesmo minuto volve Ismael a atoparse con Almagro nun disparo frontal que podería recortar distancias e no 38 unha boa combinación atacando con porteiro-xogador consegue o 4-2 cun gol de Flethes tras un pase de Ismael. Continúan xerando perigo os Pícaros pero non logran o empate a pesar dos numerosos intentos ata o último segundo de xogo.
Non puido ser esta vez, pero rematamos unha primeira volta cun equipo moi sólido e aínda en evolución, que aínda que non conseguiu traer estes tres últimos puntos, os máis difíciles da tempada, demostraron, tanto neste partido como nos anteriores ao parón do Nadal, que vén unha segunda volta con moi boas sensacións.
Ficha Técnica CD UMA Antequera – Pescados Rubén Burela FS
CD UMA Antequera (4): Mario Almagro; Miguel (C), Alvarito, Cobarro, Leandrinho -quinteto inicial-, Burrito, Alan de Candia, Davilillo, Nando Torres, Q. Herando, Óscar, Kiko, Conejo. Entrenador: José Antonio Borrego “Tete”
Pescados Rubén Burela FS (2): M.Kaluza; Lucho, Isma, Á. García, Malaguti -quinteto inicial-, Quelle, Alberto, Flethes, Charly, Ismael, Iago López, Mika. Entrenador: David Rial.
Goles: 1-0, min.4: Q. Hernando. 1-1, min.17: Ismael. 2-1, min.24: Burrito. 3-1, min.28: Nando Torres. 4-1, min.35: Nando Torres. 4-2, min.38: Flethes.
Árbitros: David Delgado Indalecio, Guillermo Rodríguez González, Daniel Molina Fernández, Borja David Gre Arroyo.
TA: Davilillo, Alberto, M.Kaluza, Malaguti, Charly e David Rial.