Como grupo socialista do concello onde se encontra a factoría de Aluminio (Electrólise e Fundición), queremos lembrar (para, polo menos, infundir un chisco de esperanza) que esta situación xa se viviu de maneira similar no ano 1982 cunha suspensión de pagos, aínda que nesa ocasión non se chegou a parar. As empresas que dirixiron a montaxe técnica, Pichiney en Aluminio e Alcan en Alúmina, consideraron que isto non era rentable e abandonaron o barco, polo que se tivo que rescatar e nacionalizar a empresa por parte do órgano executivo e pasou a chamarse Grupo Inespal. Ese rescate foi feito por un Goberno Socialista.
A historia repítese, e se seguimos lembrando atoparemos que quen a “regalou” a Alcoa foi un goberno do Partido Popular, o cal como levamos comprobado nos últimos anos nin está nin se lle espera nesta loita, aínda que entra dentro das competencias que ten a Xunta de Galicia. É máis, vén poñer atrancos, posto que leva meses e meses para a autorización da ampliación do depósito de lodos vermellos, con declaracións pouco afortunadas pero que desvelan as súas intencións.
Con isto ademáis de trasladar todo o noso apoio ao comité e traballadores ante esta campaña de presión dos dirixentes de Alcoa, queremos transmitir, tanto ao noso candidato Xosé Ramón Gómez Besteiro coma aos nosos representantes en Madrid, a necesidade de loitar e manter a produción do Aluminio en San Cibrao, con Alcoa ou sin Alcoa.