“Todos lembramos como Pedro Sánchez e o BNG presumiron durante o último debate de investidura no Congreso de salvar Alcoa, e dous meses despois todos podemos ver como esa era outra mentira”, lamentou Balseiro
Balseiro manifestou que “falamos de recuperar a produción dunha industria, a do aluminio primario, declarada como esencial durante a pandemia”. “Nin podemos, nin debemos permitirnos o luxo de non recuperar a única fábrica de aluminio primario que queda en España, polo que todos temos que estar á altura: a empresa, as institucións e os partidos políticos”.
Na súa intervención, lamentou que o futuro de Alcoa “suscita hoxe máis incertezas que esperanzas pola actitude da empresa, que está obrigada a ser transparente e a concretar o seu plan de negocio, ademais de cumprir todos os compromisos adquiridos, sen escusas nin improvisacións”.
“Teñan por seguro que o PPdeG, e toda a forza da Xunta, estará vixiante e apoiará con todas as ferramentas e competencias ao seu alcance para que a empresa cumpra”, subliñou o deputado popular, quen ratificou “o compromiso político do Goberno galego de apoiar unha intervención temporal de Alcoa, unha decisión que corresponde adoptar ao Estado”.
PROBLEMA ENERXÉTICO, NON INDUSTRIAL
José Manuel Balseiro apuntou, ademais, que “esta incerteza non só ten que ver co comportamento da empresa, porque aquí non estamos ante un problema industrial, senón enerxético”. “A viabilidade desa industria depende de que sexamos capaces de garantir un marco eléctrico estable e competitivo, unha competencia exclusiva do Estado e sobre a que PSOE e BNG non fixeron os seus deberes”, sinalou.
Neste punto, criticou que dous anos despois de que a empresa procedera ao apagado das cubas de Alcoa, o Goberno de Pedro Sánchez “nin elaborou un estatuto especial para as industrias electrointensivas, nin esgotaron todas as axudas e compensacións para esta industria, nin foron capaces de autorizar en prazo os parques eólicos que necesita Alcoa para abaratar a factura da luz”.
“Pero é que, ademais, todos lembramos como Pedro Sánchez e o BNG presumiron durante o último debate de investidura no Congreso de salvar Alcoa e dous meses despois todos podemos ver como esa era outra mentira”, lamentou Balseiro.
Así mesmo, recordou que “PSOE e BNG asinaron en 2020 un pacto de investidura prometendo axudas para a industria electrointensiva, e catro anos despois o futuro destas empresas está no aire porque hoxe pagan o triplo que en Francia ou Alemaña pola electricidade que consumen”.
“Socialistas e nacionalistas deben estar tan contentos con esta situación que, no novo pacto de investidura que asinaron hai pouco máis de dous meses fixeron desaparecer toda mención a Alcoa e, por suposto, á posta en marcha de medidas que rebaixen o prezo da luz para as empresas electrointensivas”, dixo.
Para rematar, José Manuel Balseiro sinalou que “no BNG din estar a favor dos traballadores de Alcoa e van coa CIG agarrados á pancarta, pero despois montan plataformas contra os eólicos que surtirán de enerxía a estas empresas ou presentan recursos para intentar bloquear a continuidade da balsa de lodos”.