O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, sinalou que “nós atopámonos cun sistema eléctrico que, antes de que a obra fose entregada ao Concello, xa presentaba deficiencias; a pintura da pista xa case tiña desaparecido; e as canastras non estaban colocadas de xeito correcto co perigo que iso supoñía para as usuarias e usuarios”.
O edil ribadense dixo que “desde o equipo de goberno vímonos na obriga de ter que solucionar toda esta problemática pola vía administrativa e tentaremos que todo estea listo o máis rápido posible”.
Para Silvent “o BNG debería estar máis caladiño e arrimar a ombreira nunha obra que eles deixaron en mal estado. Desde o BNG deberían pedir disculpas a todos os ribadenses pola chapuza que fixeron con esta pista multideporte. A inversión foi moi grande e deixaron todo abandonado”.
E engadiu que “queremos contar coa opinión dos xoves que practican skate para coñecer a súa opinión e ver os mellores usos que se lle poden dar a esa pista multideporte, algo que consideramos que debería terse feito desde o principio”.