Colectivos ecoloxistas e do mar chaman a manifestarse “EN DEFENSA DO NOSO MAR” este domingo, 21 de xaneiro, en Santiago de Compostela. A manifestación sairá ás 12h da Alameda vella e recorrerá as rúas de Compostela ata a praza do Obradoiro
Compostela, 19 de xaneiro, 2024. Fronte á situación creada pola chegada masiva de materiais plásticos ás costas galegas e diante dos potenciais riscos para a saúde, o medio ambiente, os colectivos ecoloxistas e do mar denuncian a tardanza e o desleixo das administracións en facer fronte a ésta ameaza.
Novamente, como xa acontecera na catástrofe do Prestige, tiveron que ser os colectivos cidadás e as persoas voluntarias as que, en ausencia das institucións, ecoloxistas e xente do mar sairon ás praias a loitar contra esta marea plástica ante a tardanza e o desleixo das administracións en facer fronte a ésta ameaza.
Esixen á Xunta de Galicia e ao Estado Español unha mínima coordenación para facer fronte ás consecuencias desta vertedura e unha maior transparencia na información ao público de como se usan os medios aéreos, marítimos e as imaxes satelitais e de oceanografía operacional, no control do tráfico e seguimento dos vertidos e medidas de intervención no mar para evitar que cheguen as verteduras ás nosas costas. Reclaman tamén transparencia na información ao público sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños. Adeais solicitan que se subministre ao voluntariado os medios de protección axeitados aos perigos do material que manipulan e os contedores específicos para a súa recollida
Denuncian a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan todos os anos diante das costas galegas e a práctica indefensión do noso litoral fronte aos riscos derivados deste tráfico.