Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba levara á Xunta ao xulgado para recuperar os 195.609 euros do fondo de compensación ambiental do ano 2020

A decisión do concello está avalada por un informe xurídico da Secretaría municipal

Vilalba, 25 de xaneiro de 2024. O Concello de Vilalba levara á Xunta de Galicia ao xulgado para reclamarlle 195.609,37 euros dunha subvención concedida e non resolta no ano 2020.

Trátase en concreto da partida correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental do 2020 para a renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes. As obras tiveron un orzamento de 300.000 euros, dos que 195.609,37 euros procedían da subvención e o resto foi aportado polo Concello de Vilalba.

A alcaldesa, Marta Rouco, asegura que “recorrer á vía xudicial é a única opción que nos deixan logo de solicitarlles a resolución do trámite e non recibir resposta, porque unha vez máis a Xunta de Galicia prexudica ao Concello de Vilalba”.

As obras “realizáronse e xustificáronse en tempo e forma” en novembro do 2020, contando con recibir os fondos da subvención. En agosto do 2021, o concello recibiu un requerimento da Xunta de Galicia para completar a documentación presentada para a xustificación. O Concello de Vilalba presentou esta xustificación complementaria sete días despois.

Dende agosto do 2021, o concello non recibiu ningún tipo de comunicación por parte da Xunta de Galicia, nin en caso afirmativo nin negativo, polo que en xaneiro do ano 2023 se presenta un escrito por parte do Concello de Vilalba para solicitar a resolución do procedemento.

En xaneiro de 2024, un ano despois, segue sen terse resposta ningunha a dito escrito e á xustificación da obra, polo que o Concello de Vilalba vese na obriga de recorrer á vía xudicial para solicitar “uns cartos que son nosos”.

“A administración ten a obriga de contestar, sexa dunha maneira ou doutra, pero ten un prazo máximo para facelo; estamos ante un novo exemplo do menosprecio que a Xunta de Galicia lle dá ao Concello de Vilalba”, engade Rouco.

En palabras da alcaldesa, “o concello atópase nunha situación de indefensión absoluta na que só pretende que se lle devolvan uns cartos que lle pertencen”.

“Xa é chamativo que o goberno autonómico tarde oito meses en facer o requerimento da documentación da xustificación, cando ao concello se lle daba un prazo de cinco meses para facer a obra”, remata.

Exit mobile version