Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela leva ao pleno a nova ordenanza de terrazas, “unha normativa para axudar á hostalaría e compaxinar a súa actividade co benestar veciñal”

“Era necesario aprobala e para ter o mellor texto posible abrimos unha consulta veciñal e modificamos o primeiro borrador tras atender as peticións do sector”, explica a alcaldesa, Carmela López

Burela, 30 de xaneiro de 2024. O Concello de Burela leva ao pleno deste xoves para a súa aprobación inicial a nova Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública.

“Era necesario aprobala e para ter o mellor texto posible abrimos unha consulta veciñal e modificamos o primeiro borrador tras unha reunión co sector”, explica a alcaldesa, Carmela López, que garante que o obxectivo do concello “é axudar á hostalaría e compaxinar a súa actividade co benestar veciñal”.

O grupo de goberno local impulsou o regulamento ante o incremento das terrazas e do espazo público empregado para as mesmas. “É unha boa sinal e o que queremos é establecer un equilibrio entre a actividade económica e o impacto que provoca”, engade a alcaldesa.

Para a redacción da normativa, houbo unha reunión co sector da hostalaría tras a que o concello “fixo modificacións do primeiro borrador atendendo as súas peticións”. Abriuse tamén unha consulta pública a traves dun formulario para que todos os veciños e veciñas enviasen a súa opinión.

“O texto dinamiza, simplifica e facilita o uso de actividades económicas privadas na vía pública, compaxinándoo co resto das actividades e o respecto ao medio ambiente urbano. Todo iso, fixando procedementos e condicións técnicas claras e sinxelas, en aras do interese xeral e velando por garantir o respecto aos dereitos dos viandantes, os consumidores e a seguridade das instalacións”, remata Carmela López.

Na sesión de mañá levase tamén para a súa aprobación a desafectación do ben inmoble onde se sitúa a Fundación Eu Son, cambiando a súa cualificación de ben de dominio público a ben patrimonial.

Exit mobile version