A primeira das probas tivo lugar este domingo 7 de xaneiro
Nesta edición, o circuíto achega novidades que buscan fomentar a práctica do exercicio físico e deporte. “Vamos a pola terceira edición do circuíto xa que está a ter moi boa acollida. Vimos nel unha maneira de unir sinerxías entre o Concello e as asociacións que viñan organizando probas deportivas en Barreiros. Tratamos de colaborar con estas asociacións para englobar todas as probas nunha liña similar pero que cada carreira mantivera o seu propio selo”, indica Dani García.
Tratando de ampliar o abano de posibilidades, o edil sinala que “Estamos organizando andainas a par que as probas deportivas para acoller máis perfís de xente que traten de evitar a inactividade e o sedentarismo. A primeira delas a deste domingo 7 de xaneiro xunto coa carreira de Reis. Esta andaina ten un carácter solidario no que o total recadado en inscricións será doado á asociación Saúde Mental a Mariña”.
Outra das novidades do circuíto é a creación da categoría por equipos. “Nesta modalidade poden xuntarse grupos de amigos/as e puntuaren no circuíto de maneira conxunta” apunta o edil de deportes. “O premio para o equipo gañador será unha comida ou cea que, a bo seguro, agradará para comentar as anécdotas das probas”.
Nas categorías individuais aumentouse a contía dos premios ata os 1000€ en metálico así como trofeos e agasallos para as persoas que finalicen 4 ou máis probas.
O circuíto inicia a súa andadura no 2024 este domingo 7 de xaneiro en San Cosme de Barreiros coa carreira solidaria de Reis que congregará a preto de 300 participantes entre andaina, carreiras de menores e a proba absoluta na que terán que cubrir unha distancia de 8 km.
O resto de probas que engloban o +KmsBarreiros son: a Carreira das Praias en marzo, a ½ km vertical Monte Comado en xullo, a Benquerencia Terra-Mar en agosto, os Trails Monte Comado en outubro e pecha, a carreira popular Ao Son do Masma en novembro.
Toda a información das probas, inscricións e clasificacións están dispoñibles na web do circuíto www.maiskmsbarreiros.gal así como na APP do mesmo nome que está dispoñible para Android e iOS.